O domingo 14 de abril conmemórase o Día Mundial da Cuántica. Esta celebración foi impulsada en 2021 por un grupo de persoas vinculadas á disciplina, e elixida pola aproximación das tres primeiras cifras da coñecida constante de Planck: 4.14×10−15 ). Arredor desta data organízanse centos de eventos por todo o planeta, e Santiago de Compostela tamén será escenario de varios actos, froito da colaboración entre o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) —centro mixto da USC e a Xunta de Galicia—, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O venres 12, o IGFAE e o CESGA organizan unha Masterclass Internacional de Computación Cuántica, na que participará alumnado de Bacharelato de centros educativos de Santiago e a súa contorna. A actividade terá lugar nas instalacións do CESGA, onde as persoas asistentes poderán tamén coñecer o supercomputador Finisterrae III e o ordenador cuántico Qmio.

O obxectivo da xornada, segundo explican desde a organización, é informar sobre o poder transformador da computación cuántica e ofrecer oportunidades neste campo ás mozas e mozos.

As e os participantes aprenderán sobre os antecedentes, a situación presente as perspectivas de futuro da disciplina da man de persoal experto do IGFAE e o CESGA, e poderán manexar un computador cuántico en tempo real a través dunha sesión práctica, na que se intentará resolver un problema creando un circuíto cuántico. Ao final da xornada, o alumnado compostelán compartirá os resultados da experiencia con estudantes de Barcelona, Valencia, Navarra, Portugal, Polonia ou Italia.

Salto Cuántico: arte e ciencia

De maneira paralela, o Día Mundial da Cuántica servirá tamén como punto de partida a un proxecto sobre arte e ciencia impulsado polo IGFAE, o CGAC e o CESGA que se desenvolverá en diversas fases ao longo de 2024.

O domingo 14, ás 11 da mañá, presentarase Salto Cuántico, unha escultura do artista Diego Vites en colaboración co colectivo Nova Escultura Galega. Esta peza interactiva consta de tres módulos móbiles e intercambiables, e adopta a estrutura das primeiras computadoras dos anos 40 do século XX. A obra estará exposta no CGAC desde este mes de abril ata febreiro de 2025.

A continuación, o divulgador científico Eduardo Sáenz de Cabezón ofrecerá a conferencia Computación cuántica: que é?, para que serve?, onde estamos? Sáenz de Cabezón é doutor en Matemáticas e profesor de Matemáticas e Computación na Universidad de La Rioja. Tamén é autor de varios libros e presenta en La 2 de RTVE o programa Órbita Laika.

Alén desta data, entre o 5 e o 19 abril desenvolverase o ciclo de cinema O ollo e a máquina, un percorrido pola sociedade occidental no século XX a través do concepto de computación e a súa representación audiovisual. Os filmes proxectados  serán Metrópolis (5 de abril), Forbidden Planet (11 de abril), 2001: A Space Odyssey (12 de abril), Tron (18 de abril) e ¡Salta! (19 de abril). Todas as proxeccións incluirán un coloquio sobre cada unha das pezas, conducido por Sofía Naseiro, de Kinocube Cinema. Todas as actividades do mes de abril desenvolveranse no auditorio do CGAC.