O centenario da mecánica cuántica protagoniza a oitava Semana da Ciencia do IGFAE
 
		 
		31.10.2025
 
		Neste 2025 está a celebrarse o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, coincidindo co centenario da publicación, en 1925, dalgúns dos artigos que sentaron as bases da mecánica cuántica, coa conseguinte revolución da nosa comprensión do mundo natural. Co gallo desta efeméride, a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Fïsica de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, achégase desde perspectivas moi diversas a esta disciplina, esencial para o desenvolvemento da física moderna.
Esta oitava edición desenvolverase do 8 ao 14 de novembro, datas nas que se enmarca un amplo programa. O sábado 8 dará comezo a Semana da Ciencia con Ciencia Singular, a xornada de portas abertas organizada por CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS, os cinco centros da USC que forman parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia.
Conferencia da física compostelá Antía Lamas Liñares
 
Antía Lamas Liñares, licenciada en Física pola USC e científica cuántica en Amazon Web Services, ofrecerá unha conferencia o martes 11 de novembro.
O acto central desta semana será a conferencia de Antía Lamas Liñares, física compostelá que actualmente é científica cuántica principal en Amazon Web Services, liderando o traballo de redes cuánticas nesta multinacional. Terá lugar o martes 11 de novembro ás 20.00 horas na Casa das Máquinas (Rúa das Galeras, s/n).
Na súa charla, A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría, abordará as oportunidades que ofrece, 100 anos despois, o desenvolvemento da mecánica cuántica para producir novas tecnoloxías e produtos.
Antía Lamas Liñares criouse en Santiago e fixo a carreira de Física na USC. Despois obtivo un máster en Óptica Aplicada no Imperial College London, e o seu doutoramento na Universidade de Oxford. Máis adiante realizou unha estadía posdoutoral na Universidade de California Santa Barbara, antes de establecer o seu propio grupo de óptica cuántica na Universidade Nacional de Singapur. Durante o seu tempo en Singapur axudou a lanzar o Centro de Tecnoloxías Cuánticas, do que foi Investigadora Principal fundadora.
Desde 2010 traballa nos Estados Unidos, primeiro no Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía e despois no Centro de Computación Avanzada de Texas. En 2019 uniuse a SpeQtral, unha startup singapurense centrada en comunicacións cuánticas baseadas en satélites, como Científica Cuántica Principal. En 2021 incorporouse a Amazon.
Espectáculo de maxia “A baralla cuántica”
Antes da conferencia de Antía Lamas, ás 19.00 horas, a mesma Casa das Máquinas acollerá “A baralla cuántica: percepción, información e realidade”. Neste espectáculo, o investigador do IGFAE Javier Mas e o mago Kiko Pastur únense, coa axuda do ilusionismo, para representar a perplexidade e confusión que supuxo o desenvolvemento das teorías da mecánica cuántica sobre a nosa percepción e coñecemento.
Concerto de Sumrrá: “7 Visións” e “O zoom cuántico”
A 8ª Semana da Ciencia do IGFAE tamén se achegará á música da man de Sumrrá, unha das bandas de jazz máis recoñecidas en Galicia, que este ano celebra o seu 25º aniversario. O mércores 12 de novembro (20.00 horas, auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea), o grupo mergullarase na física cun concerto no que se estreará unha peza inédita inspirada na física cuántica. Trátase dunha iniciativa do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o propio IGFAE, co apoio do CGAC.
O repertorio deste recital estará centrado no álbum “7 visións”, publicado por Sumrrá en 2021, no que o grupo compostelán asumiu o exercicio inspirador de “coller perspectiva e replantexarse a través da música a nosa propia existencia”, explican. Xunto as pezas deste álbum, o grupo estreará A oitava visión. O zoom cuántico, unha composición inédita que “xoga coa idea de transicion dende a física clásica ata a revolucion cuántica, e de como a visión da mesma realidade pode mudar dependendo da posición, proximidade, atencion ou tecnoloxía”, expón o trío.
Wikimaratón de Física de Partículas, NerdNite e obradoiro de danza contemporánea
Ademais de iniciativas como a xa clásica NerdNite (xoves 13 de novembro 20.30h, A Nave de Vidán), a recta final da Semana da Ciencia inclúe novas iniciativas que pretenden achegarse a novos públicos, como unha Wikimaratón de Física de Partículas (xoves 13 de novembro, 15.30h, na sede do IGFAE) e un obradoiro sobre física cuántica e danza contemporánea (venres 14 de novembro, 17.00 horas, CGAC).
A primeira edición do Wikimaratón de Física de Partículas terá o obxectivo de crear contido na Wikipedia en galego relacionado coas áreas de investigación do IGFAE. A actividade está dirixida ao persoal do IGFAE, e aberto a estudantes do grao de Física da USC, titulacións afíns e calquera persoa con interese pola física de partículas. A inscrición pode realizarse nesta ligazón.
A NerdNite achegarase á cuántica deste diversas perspectivas, como os reloxos cuánticos, a supercondutividade ou a influencia dos raios cósmicos na computación cuántica, da man, respectivamente, de Angel Paredes Galán (IFCAE-Universidade de Vigo), Jesús Mosqueira Rey (Grupo de Materiais Cuánticos e Fotónica da USC), e Carolina Filgueira Rama (IGFAE).
A Semana da Ciencia pecharase cun novo obradoiro que entretece a física cuántica e a danza contemporánea, coordinado polo investigador do IGFAE Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas. Nel, exploraranse principios como a superposición, a incerteza, o entrelazamiento e a observación, e o seu papel á hora de inspirar novas formas de creación e movemento. Deste xeito, o taller convida a artistas, bailaríns e curiosos a habitar o espazo entre o visible e o invisible, o tanxible e o potencial, xerando unha práctica que combina pensamento científico, intuición corporal e experimentación escénica. A inscrición na actividade, limitada a 25 participantes, abrirase proximamente.