Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Bolsas de Verán 2026

Sobre o programa

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), un centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia, convoca de novo en 2026 o seu programa de Bolsas de Verán. O obxectivo desta convocatoria é promover as primeiras experiencias investigadoras entre o estudantado de grao, atraendo alumnado de alto nivel interesado en participar en actividades formativas extracurriculares integradas nun proxecto científico.

Ofrécense un mínimo de 6 bolsas.

As persoas seleccionadas pasarán a formar parte das actividades cotiás do IGFAE, un centro recoñecido como Unidade de Excelencia María de Maeztu pola Axencia Estatal de Investigación e membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que distingue a calidade e o impacto da súa investigación. As solicitudes poderán presentarse a calquera das áreas de investigación do centro, entre as que se inclúen a física de partículas, a física de astropartículas e nuclear, a ciencia e tecnoloxía cuánticas, así como á unidade de xestión e aos equipos de comunicación e divulgación científica.

Que atoparás no IGFAE?

Investigación de vangarda

Un ambiente de traballo inspirador

Un sitio fantástico para desfrutar do verán!

Requerimentos e avaliación

01
Cualificacións
arrow-right

As persoas solicitantes deberán ter unha nota media do expediente académico igual ou superior a 8 sobre 10 e ter superado, cando menos, o 55 % dos créditos do seu grao.

02
Formación académica
arrow-right

As persoas candidatas deberán estar matriculadas nun dos dous últimos cursos de calquera titulación de grao do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) ou doutro sistema universitario. Unha das bolsas resérvase para estudantes que non estean a cursar titulacións de Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química ou equivalentes (titulacións FEQM), e as outras cinco para estudantes matriculados en titulacións FEQM.

Se a bolsa reservada para estudantes alleos ás áreas FEQM non fose adxudicada, poderá reasignarse a estudantes destas titulacións. En todo caso, o número de bolsas concedidas a estudantes fóra das áreas FEQM non poderá superar o das concedidas a estudantes de titulacións FEQM.

03
Criterios de valoración
arrow-right

A valoración das candidaturas realizarase sobre unha puntuación máxima de 10 puntos, distribuída do seguinte xeito:

  • 70 %: expediente académico.
  • 20 %: currículo (incluíndo publicacións, premios e formación relevante).
  • 10 %: carta de motivación.
04
Prazo de presentación de solicitudes
arrow-right

Desde o 10 ata o 16 de xuño ás 23.59h (CEST)

Condicións

  1. As estadías terán unha duración dun mes, preferentemente do 1 ao 31 de xullo de 2026. A dedicación semanal será de 30 horas, cun horario que se acordará coa persoa investigadora responsable da supervisión.
  2. Cada bolsa estará dotada con 800 € brutos (ou a parte proporcional no caso de que a estadía sexa inferior a un mes), aos que se lles aplicarán as retencións fiscais correspondentes.
  3. Se a estadía se realiza no período preferente (do 1 ao 31 de xullo), a bolsa incluirá o aloxamento nun cuarto individual dunha residencia universitaria integrada no Sistema Universitario de Residencias da Universidade de Santiago de Compostela ou nunha alternativa equivalente.
  4. Establécese unha axuda para desprazamentos destinada ás persoas participantes que residan fóra de Santiago de Compostela: ata 80 € para estudantes de Galicia, ata 500 € para estudantes doutras partes do Estado español e ata 2.000 € para estudantes internacionais, de acordo cos prezos de mercado e sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria. Todos os gastos deberán xustificarse mediante a documentación acreditativa correspondente.
  5. Poderán cubrirse tamén os gastos relacionados coa obtención da documentación necesaria para a estadía en España, a alta na Seguridade Social e a apertura dunha conta bancaria válida para recibir a dotación económica.
  6. Calquera gasto deberá comunicarse previamente, e o seu reembolso estará condicionado á aprobación da dirección do IGFAE.
Envía a túa solicitude aquí!
Enlace ao texto da convocatoria

A miña experiencia nas Bolsas de Verán do IGFAE

Belén Rodríguez Soto (2019) | Project Manager @ PM4Gov

No IGFAE tiven a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento dun centro de investigación de excelencia internacional, traballando na análise das súas capacidades de transferencia e impacto socioeconómico. Esta experiencia foi clave para consolidar o meu interese pola economía da ciencia e da innovación, que posteriormente desenvolvín como investigadora en Economía Aplicada. Hoxe aplico ese enfoque en consultoría estratéxica e xestión de proxectos de innovación, conectando financiamento e políticas públicas para xerar impacto real.

Juan Álvarez Ruiz (2023) | Estudante de Máster en Física Teórica na Universidade de Heidelberg (Alemaña)

O programa de Summer Fellow 2023 do IGFAE permitiume dar os meus primeiros pasos na investigación en física. Tiven a oportunidade de traballar nun proxecto xunto a Meijian Li, onde reforcei a miña pasión pola física e, por primeira vez, coñecín o mundo académico fóra das clases. Creo que a experiencia de traballar nun proxecto como os ofertados nos Summer Fellow permitiume ter outro punto de vista sobre a física que aprendemos no grado. Enfrontarse a un problema do que non coñeces a solución nin a podes buscar directamente noutros medios é unha experiencia que recomendo a todo o mundo que dubide sobre se a investigación é o seu.

Álvaro Iturbe Javaloyes (2024) | Máster en Física pola USC

Desfrutar das bolsas IGFAE Summer Fellowships foi unha experiencia totalmente única para min. O feito de poder estar, durante 1 mes, traballando cun investigador de alto nivel, man a man, para desenvolver un proxecto nun campo tan fascinantes como a física matemática, no meu caso, é unha experiencia irrepetible que che permite entender como funciona a investigación. Ademais, grazas a iso puiden ver que este campo é no que quero continuar, polo que estou a facer a Tese de Fin de Máster e a bolsa de colaboración co meu titor, con perspectivas de doutoramento. Así mesmo, a experiencia é realmente enriquecedora grazas á cidade de Santiago, con gran variedade e oferta cultural, así como a xente fantástica que coñeces durante a bolsa, creando lazos e amizades que aínda hoxe manteño. É unha experiencia que lembro con gran cariño e á que recomendo dar, sen a mellor dúbida, unha oportunidade. 

Luis Arcas Morcillo (2025) | Estudante do dobre grao de Física e Matemáticas na USC

Grazas ás Bolsas de Verán do IGFAE, puiden coñecer de primeira man o estado da arte da investigación en física de partículas nun centro de excelencia. Tiven a oportunidade de aplicar técnicas de aprendizaxe automática ao procesamento de datos reais do experimento LHCb, colaborar con grandes profesionais e compartir esta experiencia con compañeiras e compañeiros extraordinarios. Ademais, puiden afondar na carreira investigadora, nos seus retos e nos beneficios que achega á sociedade. A todas as persoas interesadas en presentar a súa candidatura: non o dubidedes! É unha experiencia verdadeiramente enriquecedora, tanto desde o punto de vista académico como persoal. Participar nun proxecto de investigación deume a oportunidade de aplicar conceptos teóricos a problemas reais. Aprendín a deseñar experimentos, interpretar resultados e comunicar conclusións de maneira clara e significativa. O acompañamento e a orientación do persoal investigador fixeron que mesmo os momentos máis complexos se convertesen en valiosas oportunidades de aprendizaxe. O que fixo esta bolsa especialmente memorable foi o seu ambiente colaborativo. As conversas no laboratorio, os talleres e os encontros informais xeraban continuamente ocasións para intercambiar puntos de vista e ampliar a nosa comprensión da física. Esta experiencia non só reforzou as miñas competencias académicas, senón que tamén me inspirou para seguir desenvolvendo unha carreira investigadora no futuro.

Enrique Rodríguez Ramos (2025) | Estudante do Máster de Física na Universidad de Granada

Traballar con investigadores punteiros no campo das altas enerxías, e nunha contorna tan propicia para a ciencia como o IGFAE, foi moi enriquecedor en todos os sentidos. Alén de aprender moitos conceptos novos e moitas formas novas de traballar, axudoume a coñecer como é o día a día nun instituto como este e a desenvolverme neste tipo de contornas. E coñecín a moitas persoas marabillosas no camiño! De forma máis pragmática, grazas a participar neste programa foi posible ser seleccionado noutros programas e abriume moitas portas da miña carreira profesional que se tivesen mantido pechadas doutro modo. Recoméndollo a todo o mundo, aínda que non teñas claro que queiras dedicarte a algo en concreto.