Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

19.06.2024

Armin Linke, Mónica Bello e Carlos Salgado conversan no CGAC sobre a ciencia e a condición contemporánea

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá este sábado 22 de xuño, ás 12.00 do mediodía, a conversa A ciencia e a condición contemporánea. Esta actividade enmárcase na exposición Instrumentos de Visión, aberta entre o 21 de xuño e o 28 de agosto na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

Neste encontro, aberto ao público xeral  participarán o artista Armin Linke, a comisaria da exposición e directora de Arts at CERN, Mónica Bello, e o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos Salgado, que tamén dirixiu este proxecto de colaboración entre o IGFAE e Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear.

A conversa abordará, desde as diversas perspectivas dos participantes, as dinámicas e a cultura dos laboratorios de física de partículas, que se amosan en Instrumentos de Visión. A partir das súas experiencias, Armin Linke compartirá o diverso abano de estratexias empregadas neste proxecto e noutros anteriores, como Image Capital, unha recente exposición realizada en colaboración entre a Fondazione MAST, o Museo Folkwang e o Centro Pompidou. Así, o artista achegará ideas sobre como a arte se relaciona coas complexidades das condicións contemporáneas, especialmente no tocante ás comunidades de investigación e as contornas científicas.

A perspectiva artística de Linke (Milán, 1966) complementarase co papel de Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), que desde 2015 dirixe o programa Arts at CERN, impulsando as iniciativas artísticas do que é o maior laboratorio de física de partículas do mundo. E completarase coa presenza do director do IGFAE, Carlos Salgado (Monforte de Lemos, 1971), físico teórico especializado no estudo da cromodinámica cuántica, e que desenvolveu no CERN parte da súa carreira científica.

Sobre Instrumentos de Visión

http://localhost:8888/igfae-copia/gl/instrumentos-de-vision-armin-linke/

Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do artista Armin Linke, na observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria).

Ademais, para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais en física de partículas, como o experimento LHCb do CERN. O proxecto conmemora, neste 2024, o 25º aniversario da creación do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Desde os seus inicios, o persoal do IGFAE participou nalgunhas das maiores instalacións experimentais do mundo, como o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN.

O traballo científico do IGFAE e a súa proxección internacional fíxoo merecedor, en dúas ocasións, do recoñecemento como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. É, ata o momento, o único centro galego que obtivo este prestixioso selo. O IGFAE conta tamén coa acreditación de excelencia da Rede Galega de Centros de Investigación, concedida pola Xunta de Galicia.

Desde hai anos, a través dos IGFAE Labs, o Instituto abriu novos espazos de conexión coa sociedade, co obxectivo de potenciar unha investigación e innovación responsable (RRI). Neste contexto, o programa ArtLab, no que se enmarca Instrumentos de Visión, contribúe ao diálogo entre diversas disciplinas artísticas contemporáneas e a física de partículas.