Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

VII Edición 2024

A Semana da Ciencia é o evento divulgativo máis importante do IGFAE. Cada ano desde 2018 o instituto organiza un programa de actividades para todos os públicos coa finalidade de espertar curiosidade pola física e visibilizar a ciencia de excelencia á sociedade.

  • Datas
    Do 23 ao 29 de novembro de 2024

En 2024 cumpríronse 50 anos da coñecida como "Revolución de novembro", que cambiou os modelos da física. Naquel mes, os equipos de Samuel Ting e Burton Richter observaron, case ao mesmo tempo, en dous laboratorios dos Estados Unidos, a partícula J/Psi, evidenciando a existencia do quark encantado (charm) e o seu antiquark. Este achado, merecedor do Nobel de Física en 1976, contribuíu, de maneira decisiva, a dar forma ao coñecido como Modelo Estándar da física de partículas.

A observación experimental de J/Psi viña precedida, no ano 1970, pola exposición teórica do mecanismo GIM. Esta proposta, que leva o nome dos seus tres protagonistas (Glashow, Iliopoulos e Maiani), supuxo un cambio radical na percepción da estrutura fundamental da materia, impulsando unha nova visión sobre a natureza das forzas fundamentais.

Neste marco, un dos físicos teóricos que desenvolveu o mecanismo GIM, Jean Iliopoulos, visitou Santiago de Compostela para ofrecer unha conferencia no marco da Semana da Ciencia.

Con todo, o programa incluíu unha serie de actividades que congregaron a centos de persoas entre o 23 e o 29 de novembro de 2024.

Programa

01
Ciencia Singular
arrow-right

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela volveu abrir as súas portas á cidadanía o sábado 23 de novembro de 2024, na oitava edición de Ciencia Singular. Nesta ocasión, a cita contou con algunhas novidades, entre elas, a incorporación do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais), que se sumou este ano a CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE como membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia que acredita a calidade e impacto da investigación destes centros.

Desde primeira hora da mañá e ata o serán, persoas de todas as idades percorreron as instalacións dos cinco centros da USC para coñecer, da man do seu persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve neles día a día.

Dun xeito ameno e accesible, e a través de charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes descubriron a investigación en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física ou as ciencias ambientais e así fomentar vocacións científicas desde idades temperás.

02
Conferencia de Marta Macho
arrow-right

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) anunciará proximamente o lanzamento da 2ª edición do proxecto MEDRA (MediPIX para Estudo e Detección de Radiación nas Aulas), unha iniciativa promovida polo EduLab do IGFAE e coordinada pola investigadora Cristina Cabo. Este programa permitirá ao alumnado de bacharelato de centros galegos explorar a física nuclear de partículas a través dunha experiencia investigadora pioneira. O proxecto utilizará os detectores Minipix, desenvolvidos polo CERN, para que os estudantes poidan captar as pegadas de partículas subatómicas, analizalas e extraer conclusións sobre a súa natureza, enerxía e traxectoria.

Durante a presentación desta nova edición, prevista no marco da VI Semana da Ciencia do IGFAE, compartirán os resultados e logros acadados na 1ª edición do certame. No pasado curso, os participantes recolleron datos experimentais e redactaron un artigo científico baseado na súa análise, que será enviado para publicación en revistas educativas. Ademais, realizarán unha exposición do seu traballo no encontro, destacando a importancia de iniciativas como MEDRA para fomentar o interese pola ciencia entre os máis novos e achegar a física de partículas ao ámbito educativo.

03
NerdNite
arrow-right

O martes 26 de novembro celebrouse unha nova edición da NerdNite enmarcada na Semana da Ciencia do IGFAE. Nesta ocasión, e baixo o título 50 anos da Revolución de Novembro, Jorge Mira, Víctor López e Bernardo Adeva fixeron un percorrido pola historia do estudo dos quarks, con especial atención ao charm, as súas bases teóricas e as grandes implicacións que supuxo a súa detección case simultánea dos equipos de Ting e Richter no ano 1974.

As Nerd Nites, organizadas polo catedrático da USC Jorge Mira, son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo.

04
Conferencia de Jean Iliopoulos
arrow-right

O Auditorio Abanca de Santiago acolleu o mércores 27 de novembro, ás 20.00 horas, a conferencia do físico greco-francés Jean Iliopoulos, un dos tres autores (xunto a Sheldon Glashow e Luciano Maiani) do mecanismo GIM, a proposta teórica que, en 1970, postulou a existencia do quark encantado. Na súa conferencia, 50 anos que cambiaron a física fundamental: de moitos modelos a unha teoría, contou ao público como o descubrimento que impulsou desde a perspectiva teórica supuxo un cambio radical na percepción da estrutura fundamental da materia, impulsando unha nova visión sobre a natureza das forzas fundamentais.

 Sobre Jean Iliopoulos

Despois de graduarse na Escola Politécnica de Atenas, Iliopoulos (Kalamata-Grecia, 1943), e traballar en institucións como o CERN ou Harvard, desenvolveu boa parte da súa carreira na École normale supérieure de París, sendo un dos fundadores do seu prestixioso Laboratorio de Física Teórica, que dirixiu entre 1991 e 1995 e 1998 e 2002. Desde 2002 é membro da Academia Francesa de Ciencias, e recibiu importantes recoñecementos como o premio Dirac (2007) xunto ao seu colega Luciano Maiani, ou o premio en Física de Altas Enerxías e de Partículas da Sociedade Europea de Física (2011), xunto a Maiani e Glashow.

A súa investigación céntrase no estudo do comportamento dos quarks en condicións extraordinarias, combinando vertentes diversas da física, como a cosmoloxía, a astrofísica, a teoría de cordas, a física de partículas ou a nuclear.

05
Concurso IGFAE C3
arrow-right

O Concurso de Comunicación Científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE C3) celebrou a súa sétima edición neste 2024. O certame, que recoñece o labor de divulgadores de todo o mundo, premiou catro categorías: artigo divulgativo, fotografía científica, vídeo divulgativo e proxecto orixinal.

 Nesta ligazón podes ver o ditame do xurado, cos traballos gañadores da sétima edición.

06
Transfronteirizas, con Paula Quintas
arrow-right

A sede do IGFAE acolleu o venres 29 de novembro un encontro no que se mesturaron a danza e a física. No marco do ciclo Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia o investigador do IGFAE Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas dialogaron acerca do proxecto Mundo Quark. Danza Cuántica, no que se exploran as interseccións entre ambas disciplinas.

Meses atrás, en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a comisión de festas do barrio de San Pedro, Paula Quintas e Héctor Álvarez comezaron a xestar un proxecto no que se hibridasen a danza contemporánea e a física de partículas. Partindo do Modelo Estándar, a proposta buscaba representar, a través do movemento corporal, as teorías cuánticas de campos que describen a natureza das partículas elementais e as interaccións entre elas. O proxecto frutificou nun obradoiro desenvolvido en xuño deste ano no CGAC, co gallo das festas do barrio de San Pedro, no que participaron arredor dunha vintena de persoas.

Encontros para tender pontes entre arte e ciencia

Organizado polo ArtLab do IGFAE, ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que se convidan a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinario. O ciclo, nacido o 15 de maio de 2020 con Rosa Montero, recibiu neste tempo a personaxes como Javier Ruibal, Alejandro Dolina, Anna R. Figueiredo ou Agustín Fernández Mallo, co obxectivo de tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.