A Semana da Ciencia é o evento divulgativo máis importante do IGFAE. Cada ano desde 2018 o instituto organiza un programa de actividades para todos os públicos coa finalidade de espertar curiosidade pola física e visibilizar a ciencia de excelencia á sociedade.
A IV Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), celebrada en novembro de 2021, retomou o formato presencial tras o parón do 2020 debido á crise sanitaria da covid-19. Nesta edición, o programa inclúe tamén actividades en liña co obxectivo de visibilizar a investigación de excelencia do instituto máis aló da sociedade galega.
“Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia”, o ciclo de diálogos do espazo ArtLab do IGFAE explorará un novo formato, a charla á tres con dúas persoas que indagaron como poucos a intersección entre arte e ciencia: os escritores Agustín Fernández Mallo e Guillermo Martínez. Físico e matemático, respectivamente, de ambos podería dicirse que nutriron os seus textos literarios con abundante zume proveniente da súa formación científica. O encontro poderá seguirse en directo ás 20:00 horas na canle de Youtube, moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein.
O 10 de abril de 2019 o Event Horizon Telescope (EHT), unha rede de radiotelescopios do tamaño da Terra, obtivo a primeira fotografía dun xigantesco buraco negro, M87*, con 6.500 millóns de masas solares e situado a 55 millóns de anos luz. O 24 de marzo deste ano, o mesmo experimento logrou capturar os detalles da polarización da luz emitida nas inmediacións deste obxecto, mostrándonos por primeira vez a existencia de campos magnéticos colosais. Iván Martí Vidal, coordinador do grupo responsable da polarización desta icónica fotografía, contaranos como se puido obter, como se interpreta, que podemos aprender dela e que perspectivas depáranos este fito revolucionario.