A Masterclass Internacional ‘Física de Partículas coas mans’ é unha oportunidade única para que estudantes de 2º Bacharelato se acheguen á física de partículas, vivan unha experiencia científica práctica e interactúen con colegas de diferentes países.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), organiza unha nova edición da Masterclass Internacional ‘Física de Partículas coas mans’.
A iniciativa está dirixida a alumnado de 2º de bacharelato de centros educativos de Galicia. Nesta xornada poderán compartir unha experiencia inesquecible recreando un día de traballo científico da man de persoal investigador do IGFAE e o CERN
A Masterclass consiste nunha serie de conferencias introdutorias sobre Física de Partículas, ademais dunha sesión práctica realizada en grupos. Posteriormente, os resultados serán discutidos mediante videoconferencia con mozas e mozos de diversos países e con persoal do experimento CMS do CERN.
9:30 – 9:45: Recepción e rexistro
9:45 – 10.00 : Benvida
10:00 – 10:30: Charla de introdución á Física de Partículas
10:30 – 11:00: Charla sobre aceleradores de partículas
11:20 – 12:15: Sesión práctica (1ª parte)
12:15 – 12:30: Descanso
12:30 – 13:30: Sesión práctica (2ª parte)
13:40 – 14:35: Xantar + fotografía de grupo
14:35 – 15:00: Conversa / preguntas e respostas
15:00 – 15:25: Charla sobre xénero / diversidade
15:25 – 15:45: Discusión de resultados da práctica
15:45 – 15:00: Conexión / videochamada co CERN
15:55 – 17:00: Videoconferencia co CERN e outros centros participantes
17:00 – 17:10: Peche da xornada
Para garantir un óptimo desenvolvemento da xornada, a actividade ten un máximo de 100 prazas. Poderán participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro. É posible inscribir tamén a unha terceira persoa de reserva, que poderá ser admitida dependendo da evolución das inscricións.
O profesorado acompañante pode asistir e participar na actividade, aínda que non é un requisito obrigatorio (deberá indicarse á hora de realizar a inscrición). O IGFAE farase cargo da manutención durante a xornada.
Consideramos importante contar con rapazas e rapaces que poidan aproveitar a experiencia, valorando principalmente a afección pola ciencia e o coñecemento do inglés, importante para seguir aa videoconferencia. A selección do alumnado queda á discrecionalidade do equipo docente de cada centro.
A benvida e a meirande parte da xornada realizarase na sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)
Para calquera dúbida, consulta ou incidencia, podes contactar connosco no enderezo communication@igfae.gal