A oitava edición da conferencia Quantum Information in Spain (ICE-8) serve como punto de encontro para a comunidade científica en información cuántica en España, e incorpora tamén a convidados internacionais desta disciplina. O foro que botou a andar este luns 29 na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e que se estenderá ata o día 1 de xuño, pon un especial acento en outorgar visibilidade ao traballo dos investigadores e investigadoras máis novas.
Durante os catro días da conferencia abordaranse as principais liñas de investigación no campo da ciencia e a tecnoloxía da información cuántica, como a computación cuántica, comunicacións cuánticas, metroloxía e detección cuánticas e outras tecnoloxías instrumentais. Neste sentido, un dos obxectivos de ICE-8, que contará coa asistencia de máis de 150 persoas, é reunir o coñecemento do mundo académico e o da industria.
Entre os relatores e relatoras convidados destacan Cécile Yu (QuTech/TU Delft), Daniel Barredo (CSIC), Daniele Ottaviani (CINECA-Boloña), Dennis Schlippert (Universidade Leibniz de Hannover), Joaquín Fernández Rossier (INL-Braga), Sofía Vallecorsa (CERN), Valerio Pruneri (ICFO-Barcelona) e Vedran Dunjko (Universidade de Leiden). Haberá, en total, máis de 50 presentacións durante as xornadas.
O encontro está organizado pola USC a través do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da institución compostelá e da xunta de Galicia; polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); e Quantum Spain, proxecto impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (SEDIA). Quantum Spain está composto pola Rede Española de Supercomputación e as institucións científicas máis punteiras do sector.