Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

14.10.2026

Ciencia Singular conmemora o seu 10º aniversario achegando á cidadanía a investigación punteira na USC

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conmemora o sábado 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro que se desenvolve na USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer de preto o traballo que realizan centos de investigadores e investigadoras en ámbitos como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física de partículas ou as tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico e a súa relevancia para a sociedade.

A través de obradoiros interactivos, experimentos, visitas guiadas e charlas divulgativas, dirixidas a público maior de 6 anos, Ciencia Singular ten o obxectivo de transmitir á cidadanía a importancia da investigación que se desenvolve nestes centros de referencia, fomentar o interese pola ciencia e espertar vocacións científicas desde idades temperás.


Deste xeito, Ciencia Singular involucra o persoal do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Todos eles forman parte da Rede CIGUS, que acredita a calidade e o impacto da investigación, e contan co apoio da Unión Europea (Feder Galicia 2021-2027) para impulsar a investigación e a innovación.

Apertura de inscricións o xoves 15 ás 16.00 horas

O prazo abrirase o xoves 15 de outubro ás 16.00 horas. Desde as 12.00 horas dese mesmo día, as persoas interesadas poderán acceder ao formulario e cubrir os seus datos con antelación, aínda que deberán agardar ata a apertura oficial do rexistro para envialo. O programa de actividades e os horarios de cada centro poden consultarse no web de Ciencia Singular.