O podcast “No es el fin del mundo” analiza en Santiago a dimensión xeopolítica da física de partículas
27.01.2026
O podcast “No es el fin del mundo”, un dos máis seguidos en español, chega por primeira vez a Galicia da man do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Será o xoves 19 de febreiro (19.00 horas, na Casa das Máquinas), cun episodio en directo que abordará a dimensión xeopolítica da física de partículas e nuclear ao longo da historia. A entrada será libre ata completar capacidade.
O episodio, conducido por Fernando Arancón, Alba Leiva e Eduardo Saldaña, detallará como esta ciencia foi moldeando o desenvolvemento tecnolóxico desde a antigüidade e, desta maneira, influíu tamén en numerosos acontecementos xeopolíticos.
Desde a revolución científica impulsada por figuras como Isaac Newton, pasando polo enorme progreso que comeza desde finais do século XIX, a física de partículas e nuclear quedou gravada no imaxinario colectivo pola creación da bomba atómica ou catástrofes como a de Chernóbil. Con todo, e sen obviar a terrible pegada que deixaron as armas de destrución masiva, os avances nesta disciplina xeraron beneficios de incalculable valor para a sociedade.
Entre outros -e ademais da enerxía nuclear- os raios X, os escáneres PET, a radioterapia, a creación da world wide web, as pantallas táctiles, diversos tipos de sensores e detectores ou a xestión de grandes cantidades de datos e a computación avanzada deben a súa orixe á investigación fundamental realizada en laboratorios de física de partículas.
Do mesmo xeito, no episodio tamén se analizarán os retos presentes e futuros que expón a segunda revolución cuántica. Desde hai anos, as principais potencias toman posicións no desenvolvemento da computación cuántica, chamada a abrir unha nova era nas comunicacións e a multiplicar a capacidade de procesamento dos computadores clásicos, entre outras moitas aplicacións.
Sobre “No es el fin del mundo”
“No es el fin del mundo” é un podcast semanal de divulgación internacional, realizado por “El Orden Mundial”, que en 2025 acadou o Premio Ondas ao Mellor Podcast Conversacional. Nel ofrécese contexto e análise para entender os grandes fenómenos xeopolíticos globais desde diversas temáticas e perspectivas.
Desde o seu lanzamento, en 2023, suma 250 episodios publicados nas principais plataformas, e consolidouse entre os programas máis escoitados en España. En 2025 recibiu máis de 13,5 millóns de escoitas en Spotify.
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Altas Enerxías, de Partículas e Nuclear, e en áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Na actualidade, o seu persoal está composta por unhas 140 persoas, que traballan no ámbito da física teórica e experimental.
Desde o seu nacemento, o seu traballo estivo marcado por unha decidida vocación internacional, participando nalgunhas das maiores instalacións científicas do mundo, como a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN). O IGFAE é membro fundador do experimento LHCb, no que participan máis de 30 membros do Instituto. En 2025, xunto ao resto da comunidade do CERN, o persoal do IGFAE recibiu o premio Breakthrough na categoría de física fundamental.
Ademais da área experimental, o persoal do Instituto mantén unha estreita colaboración co CERN desde a perspectiva teórica, en áreas de estudo como a cromodinámica cuántica, os neutrinos ou a física nuclear. Do mesmo xeito, o persoal do IGFAE está presente nos grupos de discusión dos futuros proxectos do CERN, así como na Estratexia Europea de Física de Partículas.
O equipo do IGFAE tamén participa noutras grandes iniciativas internacionais, como o Observatorio Pierre Auger para a detección de raios cósmicos (do que tamén é membro fundador), a colaboración LIGO para o estudo das ondas gravitacionais, e os aceleradores GSI/FAIR (Alemaña), GANIL (Francia) ou FRIB (Estados Unidos).