O congreso Iberian Strings reúne en Santiago á comunidade investigadora que traballa en teoría de cordas
23.01.2026
A cidade de Santiago de Compostela acolleu, entre o mércores 21 e este venres 23 de xaneiro, a conferencia Iberian Strings 2026, a principal reunión anual da comunidade investigadora en España e Portugal que traballa no ámbito da teoría de cordas. A organización local estivo a cargo do IGFAE.
Este congreso internacional, que se celebrou na Hospedería de San Martiño Pinario, acadou este ano á súa 18ª edición, e reuniu expertos e expertas procedentes da península ibérica, máis tamén doutros países (Estados Unidos, Grecia, Israel, Xapón ou Reino Unido, entre outros) para debater os últimos avances en cuestións como a supergravidade, cordas, branas, teorías gauge e temas relacionados no ámbito da física fundamental.
O programa incluíu conferencias plenarias (con seis speakers convidados de notable prestixio internacional), así como sesións de comunicacións e un espazo para pósters.
O comité organizador local estivo composto polos investigadores do IGFAE Riccardo Borsato, Jose Edelstein, Felipe Agurto Sepúlveda, Miguel García Fernández, Tim Meier, Marcelo Oyarzo e Kostas Rigatos.
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), é un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle a arredor de 140 persoas que participan en instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO ou GSI/FAIR, entre outras.
O centro foi acreditado en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.