O IGFAE acolle unha reunión internacional sobre desenvolvemento de espectrómetros solenoides
12.12.2025
A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acolle do 9 ao 12 de decembro o Solenoidal Spectrometer Workshop 2025. Este encontro reúne á comunidade internacional que traballa con este tipo de instrumentos, esenciais nos experimentos de física de partículas e nuclear, para discutir os avances máis recentes e os plans de futuro na disciplina.
A Santiago de Compostela acudirán preto de medio cento de persoas expertas na disciplina, procedentes de institucións de máis dunha decena de países. Durante os catro días do encontro, sucederanse as charlas de poñentes invitados ao taller, presentacións orais seleccionadas polo comité científico, así como espazos para o debate e a discusión.
Entre outros temas, abordaranse os avances de física acadados cos espectrómetros solenoides e as súas aplicacións en física nuclear, os desenvolvementos tecnolóxicos e operativos destes instrumentos, o deseño de integración dos sistemas de toma de datos, as técnicas de análise de datos e ferramentas de software, ou os aspectos teóricos en física nuclear de baixas enerxías.
“Este congreso representa unha oportunidade única para afondar na cooperación internacional e compartir os últimos avances nesta tecnoloxía, esencial para a física experimental”, indican Cristina Cabo e Yassid Ayyad, do comité organizador local.
Ademais da actividade científica, o programa da reunión incluíu un programa cultural na tarde do xoves 11 de decembro. En primeiro lugar, as persoas asistentes á conferencia acudiron ata o Museo do Pobo Galego, no convento de San Domingos de Bonaval, para facer unha fotografía conxunta. O lugar escollido foi a célebre escaleira deseñada no século XVII polo arquitecto Domingo Antonio de Andrade. Esta obra, en forma helicoidal, aseméllase á forma dos espectrómetros solenoides, os instrumentos que protagonizaron o congreso. Posteriormente, a comitiva desfrutou dunha visita guiada ao Castro de Baroña, que contou coa colaboración do Concello de Porto do Son.