Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

26.09.2025

A consellera de Investigación e Universidades de Cataluña visita o IGFAE

A consellera de Investigación e Universidades da Generalitat de Cataluña, Núria Montserrat Pulido, visitou este venres 26 de setembro a sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), no marco dunha xornada de traballo en materia de I+D+I xunto a representantes da Xunta de Galicia. Núria Montserrat estivo acompañada na visita polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo. Todos eles foron recibidos por Carlos Salgado, director do IGFAE, e Abraham Gallas, director adxunto.

No seu percorrido polas novas instalacións do IGFAE, a comitiva puido coñecer os diversos espazos de traballo e laboratorios do centro, o único en Galicia acreditado en dúas ocasións como Unidade de Excelencia María de Maeztu e que tamén pertence á rede CIGUS, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

Tal e como declarou a consellera catalá, “solicitamos vir para coñecer o traballo que se desenvolve aquí. Temos moito que aprender, e en Galicia hai modelos que funcionan, con resultados moi interesantes, e viñemos para explorar vías de colaboración neste ámbito”. Román Rodríguez agradeceu, pola súa banda, o interese da Generalitat polo modelo de gobernanza e xestión que Galicia, a través de estruturas como a rede CIGUS, as convocatorias de colaboración público-privada ou os plans plurianuais de financiamento universitario. A visita “foi frutífera e inspiradora. Compartir sempre é positivo e nós temos moito que aprender das capacidades de Cataluña no eido da I+D+i e o gran traballo que fan nos seus laboratorios de investigación”, declarou o responsable de Ciencia da Xunta.

Durante a súa estadía en Galicia, a consellera tamén visitou o CiMUS (tamén acreditado este ano como Unidade María de Maeztu), e o centro de investigación empresarial de Mestrelab. Finalmente, as e os representantes de Xunta e Generalitat mantiveron un encontro con axentes destacados da I+D+i galega para coñecer de primeira man as súas investigacións, as potencialidades de Galicia e o progreso feito nos últimos anos en políticas públicas en apoio a este sector.