Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

01.01.2025

Instrucións de identidade visual

📥Descarga todos os materiais nesta ligazón👈🏾


  1. Contexto

    O IGFAE está a experimentar unha nova etapa, marcada por diversos fitos (acreditacións María de Maeztu e rede CIGUS,  apertura da nova sede) que tamén se estenden á renovación da súa identidade visual.Estas instrucións responden á necesidade de visibilizar a nova identidade, pero tamén de cumprir cos requerimentos de comunicación e publicidade das diversas institucións financiadoras, un aspecto clave no funcionamento do centro e, en especialmente, no traballo da Unidade de Xestión.

  2. Obxectivo, persoas destinatarias e xustificación

    O obxectivo destas instrucións é, de acordo ás liñas xerais do Plan de Comunicación do IGFAE para o período 2025-2030, “consolidar a identidade do centro e das canles e procesos de comunicación”, a nivel interno; e “incrementar o grao de coñecemento do IGFAE e o seu prestixio, desde a contorna local ata a internacional”, a nivel externo.
    As persoas destinatarias destas instrucións son, por unha banda, todo o persoal adscrito ao IGFAE (científico, técnico, de xestión), así como aquelas persoas cuxa actividade poida estar ocasionalmente financiada polo IGFAE (p. ex. seminarios impartidos no IGFAE por persoal investigador visitante, con cargo a fondos do centro ou dalgúns dos proxectos do persoal do centro).
    A xustificación destas instrucións esténdese tamén ao eido administrativo, e aos requerimentos de comunicación e publicidade determinados polas diversas institucións financiadoras. Coñecer e cumprir con estas instrucións facilitan o traballo da Unidade de Xestión, a elaboración de memorias e informes de xustificación.
    NOTA BENE: O incumprimento destas indicacións pode causar serios inconvenientes nas memorias xustificativas e as correspondentes auditorías, coa consecuente sobrecarga de traballo para o persoal de Xestión e a posible penalización nos fondos que recibe o IGFAE e o seu persoal investigador por parte das entidades financiadoras.

  3. Sistema de identidade visual do IGFAE
    (para máis detalles, podes descargar aquí a guía de identidade visual do IGFAE)

    O sistema visual está composto de tres elementos:

    As formas 1 (acrónimo) e 2 (denominador) funcionan indistintamente como elemento principal de identidade do Instituto.

    A forma 3 (símbolo), debe aparecer sempre acompañada dalgunha das outras dúas formas, para permitir a correcta identificación do Instituto.

    Interacción: é importante que, neste caso, as formas que convivan teñan a mesma altura e manteñan unha distancia de, canto menos, a lonxitude do elemento máis longo (ver exemplos debaixo).


    Cores

    A identidade visual do IGFAE incorpora unha gama de cores que serán de uso preferente nas presentacións (texto, fondos, gráficos e demais elementos), así como de uso obrigatorio, salvo excepcións debidamente xustificadas, na representación do logo:

    PALETA PRINCIPAL

    PALETA COMPLEMENTARIA


    Tipografía principal: Roobert Pro

    En todos os documentos oficiais, presentacións, informes e comunicacións públicas, deberá utilizarse a familia tipográfica Roobert Pro. Pode descargarse nesta ligazón.

  4. Logos de institucións vinculadas ao IGFAE

    Universidade de Santiago de Compostela

    Como centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, e dada a vinculación á Universidade do persoal do IGFAE, o equipo do Instituto debe visibilizar nas súas comunicacións á USC.


    Acreditación María de Maeztu + MICIU + AEI

    A acreditación do IGFAE como Unidade de Excelencia María de Maeztu é outorgada pola Axencia Estatal de Investigación (AEI), pertencente ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) do Goberno de España. Supón, xunto á rede CIGUS, unha importante achega de financiamento estrutural para o centro, ademais dun selo de prestixio para o Instituto, feito que obriga ao estrito cumprimento das instrucións de comunicación e publicidade.

    En relación a isto, en todos os casos, deberá incluírse:
    – Logotipo correspondente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Axencia Estatal de Investigación
    – Selo da acreditación de excelencia María de Maeztu
    – Lenda coa referencia da axuda en curso

    Axuda/Ayuda/ Grant CEX2023-001318-M financiada por MICIU/AEI /10.13039/501100011033


    Acreditación da rede CIGUS da Xunta de Galicia

    O IGFAE é un dos 10 centros que posúe o recoñecemento da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, De acordo aos requirimentos de publicidade, o persoal do IGFAE deberá incluír en todas as accións de información e comunicación, nesta orde, o logo da rede CIGUS e a mención á UE e os Fondos Europeos, que financian esta rede. Non é preciso incluír o logo da Xunta de Galicia; abonda co escudo asociado á marca CIGUS.


    Outros programas de financiamento

    No caso de accións financiadas por outras instancias (colaboracións con outros centros, proxectos de investigación financiados pola Axencia Estatal de Investigación, Horizonte Europa / ERC / Marie Curie, programa Oportunius, etc.), é imprescindible cumprir as instrucións pertinentes.

    Aquí podes atopar varios documentos que poden servirche de axuda.

    Guía da Axencia Estatal de Investigación (AEI)

    Guía do European Research Council

    Guía do Programa Oportunius

    En que materiais de comunicación debo incluír estes logos?

    A resposta rápida é: en todos.

    Como exemplo:
    – Presentacións en conferencias (sesións orais e pósters), charlas divulgativas, obradoiros, seminarios, cursos, reunións de colaboracións científicas, etc.
    – Certificados ou informes de asistencia
    – Material de comunicación ou merchandising (rollups, libretas, bolsas, carpetas, etc.)

    Nas publicacións científicas deberá incluírse un parágrafo no que se mencione o financiamento nas resolucións e publicacións científicas que sexan co-financiadas. Exemplos:

    «Grant CEX2023- 001318-M funded by MICIU/AEI /10.13039/501100011033»

     «This work has received financial support from the Xunta de Galicia (CIGUS Network of Research Centres) and the European Union through the Galicia Feder 2021-2027 Program»


MÁIS INFORMACIÓN

  • Modelos de documentos

Podes descargar nesta ligazón materiais como:
– Modelo de documento de texto
– Modelo de documento de texto con capa
– Modelo de carta
– Modelo de presentación de diapositivas 16:9
– Modelo de presentación de diapositivas 4:3
– Modelo de informe de participación


  • Sinatura de correo electrónico

Co obxectivo de reforzar a identidade do IGFAE, aconséllase o uso deste modelo nos correos electrónicos, cos seguintes elementos, sen excluír o resto de afiliacións (nomeadamente, a USC).

Recoméndase, igualmente, usar o nome completo do Instituto en galego, de forma coherente co acrónimo IGFAE.

Modelo:
Nome Apelido (pronomes) [1]
Posto / Cargo
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) | outras afiliacións [2]
Email: xxx@xxx.es
Tel: +34 xxx xxx xxx
Perfís científicos / profesionais [3]

igfae.usc.es
Instagram Bluesky YouTube LinkedIn | Whatsapp[4]

 

Exemplo:
Manuel Rey (el)
IGFAE Communication Officer
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)
Email: communication@igfae.usc.es
Tel: +34 881 814 068 / ext 14068
ORCID | Scopus | Inspire HEP | LinkedIn

igfae.usc.es
Instagram Bluesky YouTube LinkedIn | Whatsapp


[1] Na liña co acordado polo Grupo de Traballo en Xénero e Diversidade do IGFAE, proponse a inclusión dos pronomes de xénero na sinatura
[2] A afiliación ao IGFAE debe figurar en 1º lugar
[3] P. ex. ORCID, Scopus, ResearchGate, Linkedin, etc.
[4] Os perfís do IGFAE en redes sociais son unha ferramenta social na comunicación externa do centro, polo que é recomendable visibilizar a súa presenza nas sinaturas de correo

En caso de calquera dúbida ou consulta sobre estas instrucións, contactar coa Unidade de Xestión e Comunicación (communication@igfae.usc.es) ou en persoa, no despacho A2-16.