Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

02.07.2025

As Residencias ArtLab IGFAE nacen para tecer fíos entre a física e a creación contemporánea galega

Carlos Salgado, Pilar Murias e Anxo M. Lorenzo, no acto de presentación. Foto: Rocío Cibes / Cidade da Cultura.
Carlos Salgado, Pilar Murias e Anxo M. Lorenzo, no acto de presentación. Foto: Rocío Cibes / Cidade da Cultura.

A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) acolleu este mércores a presentación das Residencias ArtLab IGFAE, un proxecto no que que colaboran Fundación Cidade da Cultura e o devandito centro de investigación da USC e a Xunta de Galicia.

A iniciativa está aberta a persoas ou colectivos relacionados co contexto da arte contemporánea galega, en todo tipo de formatos artísticos (pintura, escultura, fotografía, artes de acción, arte obxectual, arte sonora, arte en rede, arte interactiva, arte participativa, entre outras). As propostas deberán abrirse ás novas perspectivas no campo da arte, da ciencia, da tecnoloxía e da sociedade, ben a través dunha obra totalmente nova ou da ampliación dunha obra en curso.

A convocatoria, cuxo prazo de solicitudes estará aberto ata o 20 de outubro de 2025, ten o  obxectivo de desenvolver un proxecto artístico relacionado coa investigación realizada no IGFAE, permitindo así a exploración, por parte do Instituto e da Cidade da Cultura, de formas alternativas de comunicación coa arte e a sociedade.

A proposta seleccionada recibirá unha achega de 8.000 euros, ademais do aloxamento nunha residencia universitaria durante o desenvolvemento do proxecto. As bases completas da convocatoria poden consultarse nas páxinas web do IGFAE e a Cidade da Cultura.

Residencia e titorización nas instalacións do IGFAE e na Cidade da Cultura

Co fin de tecer fíos entre as prácticas artísticas e científicas, as Residencias ArtLab IGFAE ofrecerán ao proxecto elixido a posibilidade de traballar durante varias semanas no centro, que acaba de inaugurar a súa nova sede no edificio do Monte da Condesa.

Para familiarizarse coas diversas áreas da física nas que traballa o Instituto, habilitarase un espazo de traballo no propio IGFAE, achegándose así ás investigacións e proxectos do Instituto, os seus obxectivos, os métodos científicos empregados e os enfoques experimentais desenvolvidos.

Foto: Rocío Cibes / Cidade da Cultura.

Durante a estadía, a proposta seleccionada recibirá tamén titorización científica e artística, mediante colaboracións co persoal do IGFAE e profesionais con experiencia no comisariado e xestión de proxectos artísticos. A residencia tamén se realizará nos espazos REGA da Cidade da Cultura, onde poderá tirar proveito dun espazo de traballo propio e dos equipamentos, recursos técnicos e humanos da Cidade da Cultura.

Na rolda de prensa participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; e o director do IGFAE, Carlos Salgado.

Tal e como afirmou a vicerreitora, “imos asistir a un proceso de creación artística desde a perspectiva científica”, nunha liña “que agardamos que se consolide”. “Esta é a liña na que ten que traballar a Universidade, abríndose á sociedade, e para isto a arte é un medio fundamental”, dixo.

No mesmo senso se manifestou Carlos Salgado que explicou que este proxecto é algo “que tiñamos na cabeza desde hai anos, no marco dos IGFAE Labs, para abrir novas vías de comunicación na sociedade”. “Queremos que estas residencias xeren novas preguntas, que ás veces non nos facemos desde a física, e que tamén enriqueza a vida interna do IGFAE e nazan novas dinámicas”, afirmou.

Durante a presentación, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé en que esta convocatoria “abre novas posibilidades para conectar ás creadoras e creadores do país co traballo punteiro que se está a desenvolver desde Galicia no campo da física e amplía o rango de acción do programa das Residencias Artísticas do Gaiás, unha liña de apoio á creación impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que só neste 2025 beneficiará a máis de 150 artistas e ao redor de 40 técnicos”.

IGFAE ArtLab

Logo de que o IGFAE acadase por primeira vez a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, en 2017, puxéronse en marcha os IGFAE Labs, espazos destinados a dirixir o labor do centro cara as premisas dunha investigación e unha innovación máis responsables (RRI, Responsible Research & Innovation).

Naceron así tres liñas de actuación, no ámbito da educación (EduLab), a transferencia de tecnoloxía (TechLab) e as artes (ArtLab). Este último é un lugar de diálogo entre arte e ciencia, no que o persoal investigador do IGFAE establece vínculos con colaboradores externos, propoñendo e desenvolvendo novas ideas e tendendo pontes entre a física e distintas expresións artísticas. Deste xeito, o ArtLab persegue impulsar a reflexión, o uso da imaxinación e o pensamento creativo.

Nos últimos anos, xurdiron ao seu abeiro xurdiron proxectos como Cosmoloxías (con Irene Dubrovsky, Pazo de Fonseca, 2019) ou Instrumentos de visión (con Armin Linke, Mónica Bello, Arts at CERN, Igrexa da Universidade, 2024) ou ciclos como Transfronteirizas (en marcha desde 2020).