O Auditorio FEUGA, no Campus Sur da USC, acollerá o venres 20 de decembro o encontro “Peregrinando: traxectorias internacionais nas matemáticas e na física”. Esta xornada reunirá a oito poñentes das dúas disciplinas, que ou ben están a realizar a súa carreira investigadora no estranxeiro ou así o fixeron durante algunha etapa, para dar a coñecer deste xeito as perspectivas de desenvolvemento profesional que existen fóra. O encontro está organizado polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).
“Peregrinando” está especialmente dirixido a estudantes de Matemáticas e /ou Física, que estean nas primeiras etapas da súa carreira investigadora ou ben contemplando esta opción. O rexistro, gratuíto, pode realizarse a través da páxina do evento ata o venres 13 de decembro de 2024. Ademais das charlas, a xornada pretende poñer en contacto a persoal mozo con perfís máis avanzados da carreira científica, co obxectivo de fomentar conexións e colaboracións profesionais.
Oito relatoras e relatores
A xornada comezará cunha benvida institucional por parte da vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, a directora científica do CITMAga, Rosa Crujeiras, e o director do IGFAE, Carlos Salgado. A continuación, oito relatoras e relatores compartirán as súas experiencias e liñas de investigación, poñendo o acento en como a internacionalización influíu nas súas carreiras.
Falarán María Alonso (profesora axudante na USC), Riccardo Borsato (investigador Ramón y Cajal no IGFAE), Gonzalo Cao (profesor axudante no Instituto Courant da Universidade de Nova York), Patricia Guerra (estudante de doutoramento no Instituto de Tecnoloxía de Karlsruhe), David Peinador (Data Scientist en Faculty AI), Ana Peón (profesora na USC), Gabriel Rodríguez (estudante de doutoramento na Universidade Técnica de Dresde), e María Vieites (investigadora Ramón y Cajal no IGFAE).