Este mes conmemórase o medio século da coñecida como ‘Revolución de Novembro’ de 1974, cando os equipos de Samuel Ting e Burton Richter observaron en dous laboratorios dos Estados Unidos, case ao mesmo tempo, a partícula J/Psi, evidenciando a existencia do quark encantado (charm) e o seu antiquark. Este achado, merecedor do Nobel de Física en 1976, contribuíu, de maneira decisiva, a dar forma ao coñecido como Modelo Estándar da física de partículas.

Aproveitando esta efeméride, e enmarcada na Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, o 26 de novembro ten lugar una nova Nerd Nite baixo o lema ‘50 anos da revolución de novembro (descubrimento da partícula J/psi)’. A cita, de entrada libre, será ás 20.00 horas na Nave de Vidán.

Nesta ocasión participarán o catedrático de electromagnetismo da USC, Jorge Mira, coa charla ‘Pero como te chamas, ¿J ou psi? O salseo do Nobel de Física de 1976’; o doutorando do IGFAE Víctor López Pardo con ‘Quarkablanca (Tócala otra vez, Charm)’; e o catedrático de física atómica, molecular e nuclear da USC, Bernardo Adeva Andany, que falará de ‘Ting, o emperador que deu peso aos fotóns’.

Nerd Nites

As Nerd Nites, organizadas polo catedrático da USC Jorge Mira, son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo.