ACTUALIZACIÓN
- Proposta de selección das comisións especializadas (consultar referencia parte V última). Data publicación: 29/11/2023.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, ofrece un contrato a tempo completo vinculado ao programa TalentQ incluído dentro do proxecto Quantum Spain, e coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela. TalentQ procura potenciar a xeración e promoción do talento en computación cuántica a través de diversas actividades educativas.
OBXECTIVO DO CONTRATO
A persoa contratada asumirá responsabilidades de deseño, creación e mantemento da plataforma web do proxecto TalentQ, traballando en estreita colaboración co persoal do IGFAE e do CESGA.
FUNCIÓNS
- Deseño e construción da páxina web de TalentQ
- Programación de funcionalidades educativas: ferramentas de e-learning, repositorios de cursos e vídeos educativos, contorna cliente-servidor para a execución remota de cadernos, etc.,
- Mantemento da páxina, integración e coordinación coa contorna web de Quantum Spain
CARACTERÍSTICAS DO CONTRATO
Tipo de persoal: Técnicx especialista de investigación (III.1 USC)
Salario: 2.000 euros brutos
Duración do contrato: ata o 31 de Decembro de 2025
Dedicación e horario: tempo completo (35 horas semanais, de luns a venres).
Titulación requirida: Bacharelato, FP II, FP grao superior
Méritos que se valoran
-
- Titulación de FP en Informática, Aplicacións Web ou áreas afíns
- Experiencia laboral en deseño e creación de páxinas web
- Experiencia laboral en aplicacións web educativas e elearning
- Experiencia en deseño gráfico
- Nivel intermedio de inglés
- Entrevista persoal
SOLICITUDE
As solicitudes faranse a través da Sede Electrónica da USC. Cómpre identificarse a través dunha conta da USC, certificado electrónico, DNIe, Cl@ve e outras aplicacións externas como Facebook, Google ou Microsoft 365. Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse o Curriculum Vitae.
A convocatoria pode consultarse no portal de Contratos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
Inicio de presentación solicitudes: martes, 3 de outubro de 2023.
Fin de prazo para enviar solicitudes: venres, 13 de outubro de 2023 ata as 23:59 horas.
Para consultas e máis información, pode enviarse un correo electrónico a jobs@igfae.usc.es, indicando no asunto [REFERENCIA DA PRAZA: 2022-CP118.01]
O IGFAE é unha institución que ofrece igualdade de oportunidades e comprométese a aumentar a diversidade do seu persoal, polo que acolle con especial satisfacción as solicitudes de mulleres, minorías e persoas con discapacidade. O IGFAE dispón dun Plan de Igualdade e Diversidade e traballa activamente para aumentar o equilibrio de xénero, xeográfico e de minorías dentro do instituto. Ofrecemos un horario flexible para conciliar a vida laboral e familiar.
O IGFAE
O IGFAE é un instituto que forma parte da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS) e foi acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu polo Ministerio de Ciencia durante 2017-2021.
A investigación científica do Instituto organízase arredor de tres áreas que constitúen a base da planificación estratéxica: O Modelo Estándar ata os Límites, Partículas Cósmicas e Física Fundamental, e Física Nuclear desde o Laboratorio para mellorar a saúde das persoas. Recentemente creouse unha liña transversal para debater a estratexia de novas oportunidades no campo das instalacións internacionais. Ademais, a actividade do IGFAE divídese nunha sección experimental e outra teórica. Acolle a máis de 140 persoas que participan en instalacións experimentais como o CERN, LIGO, GSI/FAIR e o Observatorio Pierre Auger.
O IGFAE ofrece unha contorna moi estimulante e oportunidades únicas de desenvolvemento da carreira profesional. Ofrecemos formación en soft skills para mellorar a empregabilidade futura e o éxito profesional dos nosos investigadores, incluíndo a transferencia de tecnoloxía, o espírito empresarial, a difusión e a perspectiva de equidade/diversidade.