A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), unen os seus camiños este xoves 27 de xuño, ás 20.00 horas, na Praza de Praterías (en caso de chuvia, no Teatro Principal). O concerto Dende a Física, un dos actos de conmemoración do 25º aniversario do IGFAE, é froito dunha colaboración entre as dúas institucións, na liña do achegamento do Instituto ao tecido social e cultural de Santiago de Compostela e o conxunto de Galicia.

“Desde hai anos, temos en marcha o programa ArtLab, co obxectivo de tender pontes entre a ciencia e arte, e nel enmárcase este concerto. Desde sempre, a música foi unha fonte de inspiración para a ciencia, e cremos que este concerto vai achegar tamén unha perspectiva moi interesante de como estes dous mundos poden ir da man”, expón o director do IGFAE, Carlos Salgado.

Para esta ocasión, o equipo do IGFAE e da Banda Municipal, dirixida por David Fiuza, seleccionou un repertorio inspirado nas orixes do universo e de pezas célebres con referencias á exploración do sistema solar, achegándose tamén ás áreas de investigación do Instituto. “A relación entre a ciencia e a música é totalmente recíproca, xa que nós nos inspiramos continuamente nela”, destaca David Fiuza.


O programa comezará con The Big Bang, de Bert Appermont, que aborda as orixes do universo, tanto desde un punto de vista científico como filosófico e humano. Continuará coa banda sonora Mission to Mars, de Ennio Morricone, seguida de dúas pezas (Marte e Xúpiter) da famosa suite sinfónica The Planets, de Gustav Holst. Posteriormente, a Banda interpretará a obra La Quintessenza, de Johan de Meij, unha reflexión sobre a orixe da materia desde os elementos máis fundamentais. O concerto pecharase co pasodoble clásico Ciencia e Arte, do compositor galego Alejandro del Río.

ArtLab

Esta colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dá continuidade á liña aberta co programa ArtLab do IGFAE, un espazo de diálogo entre arte e ciencia composto por persoal investigador do Instituto e colaboradores externos de diversas disciplinas.

O ArtLab, creado co gallo da primeira acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu que recibiu o instituto en 2017, fomenta iniciativas cuxo obxecto sexa tender pontes entre a sociedade e a comunidade investigadora mediante distintas expresións artísticas, impulsando a reflexión, colaboracións e espazos de investigación nesta intersección, así como o uso da imaxinación e o pensamento creativo.

Coa segunda acreditación María de Maeztu, acadada neste 2024, e coincidindo co 25º aniversario do IGFAE, o ArtLab está a ampliar a súa actividade, proxectando o labor do IGFAE tanto no panorama internacional como na contorna máis próxima. Nesta liña xorden proxectos recentes como a exposición Instrumentos de Visión, organizada en colaboración con Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear, que se pode visitar na Igrexa da Universidade ata o 28 de agosto.

Actividades no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Nesta semana, o persoal do IGFAE tamén estará presente en varias actividades que combinan a física coas artes escénicas, e que se desenvolverán no Centro Galego de Arte Contemporánea. O xoves 27, ás 18.00 horas, o auditorio do CGAC acolle a conferencia O metrónomo de Beethoven, impartida por Almudena Martín Castro, divulgadora científica, graduada en Física e licenciada en Belas Artes. Esta charla enmárcase no ciclo Ciencia e arte entrelazadas, dirixido polo investigador do IGFAE Jose Edelstein.

O venres, ás 19.30, no mesmo espazo do CGAC, terá lugar Universo entre canciones, un espectáculo que entretece un conxunto de narración sobre o cosmos e temas musicais, reflexionando sobre a orixe do universo, o ceo nocturno, os astros que o habitan e o lugar que ocupa a humanidade nel. Forman parte do elenco o propio Jose Edelstein, a cantante Daniela de Rito e a música Lorena Edelstein.

Tamén na tarde do venres, o CGAC acolle o taller Mundo Quark. Danza Cuántica, dirixido polo investigador do IGFAE Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas, e incluído no programa das festas do barrio de San Pedro. Este proxecto hibrida a danza contemporánea e a física, representando a través do corpo e o movemento conceptos da teoría cuántica de campos, as partículas elementais ou as interaccións fundamentais. Ás 21.00 horas, despois de Universo entre canciones, as persoas participantes no obradoiro realizarán unha representación pública do aprendido durante a actividade.