O 27 de maio de 1999, dúas décadas despois de que se iniciasen na Universidade de Santiago de Compostela as primeiras actividades no campo de física de altas enerxías, a USC e a Xunta de Galicia asinaron o convenio de creación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

Neste 2024, coincidindo co seu 25º aniversario, o IGFAE afronta un momento clave na súa traxectoria, convertido xa nun centro de referencia internacional na física de altas enerxías, astropartículas e física nuclear.

En marzo deste ano, concedéuselle de novo a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. Ata o momento, é o único centro galego en recibir este prestixioso selo. En abril, o IGFAE renovou tamén a súa presenza na Rede Galega de Centros de Investigación de Excelencia, impulsada pola Consellería e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

Este dobre recoñecemento, que achegará un financiamento de preto de seis millóns de euros, suporá para o IGFAE a oportunidade de consolidar o seu plan estratéxico para os vindeiros anos.

Ademais, o Instituto desenvolverá esta nova e prometedora etapa cunhas instalacións renovadas. O persoal do IGFAE xa traballa actualmente en parte das dependencias da nova sede, cuxas obras estarán acabadas a finais deste 2024. Unha vez completados os traballos, o centro aumentará nun 70% a súa superficie actual, con novos laboratorios experimentais, espazos comúns e áreas destinadas ás actividades de divulgación.

Programa do 25º aniversario

Nas vindeiras semanas, e ata finais de 2024, o IGFAE desenvolverá un amplo programa de actividades abertas á sociedade, co obxectivo de dar a coñecer o labor científico realizado no centro. Estas accións poñerán especial acento no vínculo entre a ciencia e as artes, na liña do camiño aberto desde hai anos nos IGFAE Labs.