Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

06.06.2025

O IGFAE acolle a Young Minds Leadership Meeting da Sociedade Europea de Física

Foto de familia da 13ª Young Minds Leadership Meeting celebrada en Santiago de Compostela, durante a sesión de pósters no IGFAE.
Foto de familia da 13ª Young Minds Leadership Meeting celebrada en Santiago de Compostela, durante a sesión de pósters no IGFAE.

A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías acolleu esta semana parte da programación da 13º Young Minds Leadership Meeting. Trátase da reunión anual de Young Minds, un programa da Sociedade Europea de Física que promove a conexión coa sociedade a través da divulgación e o desenvolvemento profesional do futuro persoal investigador, financiando actividades dirixidas a mellorar a formación e as conexións internacionais.

Esta edición, organizada a nivel local pola sección de Young Minds, ao chápter de OPTICA e a asociación estudantil Luzada, contou coa presenza de máis de 70 estudantes de grao, mestrado e doutoramento, procedentes dunha vintena de países e 30 universidades de Europa e o norte de África.

O IGFAE foi un dos patrocinadores deste evento, xunto aos outros centros de investigación da USC que realizan investigación neste eido, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto de Materiais (IMATUS), e a Facultade de Física.

Os espazos do IGFAE foron escenario durante a reunión de dúas sesión de póster, nas que cada equipo participante presentou a súa mellor actividade divulgativa Young Minds do ano para intercambiar experiencias e ideas.

Estas sesións de pósters, segundo destaca a organización do evento, exercen unha grande influencia na programación anual das accións que despois as Seccións Young Minds realizarán nos seus países de orixe e institucións.

As mellores presentación recibiron un premio outorgado pola revista internacional de física European Physics Letters, publicada en nome da EPS por EDP Sciences, IOP Publishing e a Società Italiana di Fisica.

Charlas de Meijian Li e Pablo Cabanelas

O programa de Young Minds tamén contou coa presenza de persoal do IGFAE. O director asociado, Abraham Gallas, interviu durante a mesa de benvida, celebrada na Facultade de Física.

Dentro do programa de charlas, o responsable da Unidade de Innovación, Transferencia e Coñecemento do IGFAE, Pablo Cabanelas, fixo parte do coloquio ‘PhD to CEO’. Cabanelas, promotor da spin-off Neutron Insights, narrou a súa transición da academia á industria, respondendo tamén ás preguntas do público.

Pola súa banda, Meijian Li, investigadora posdoutoral do IGFAE narrou a súa ampla traxectoria internacional, pasando por China, Estados Unidos ou Finlandia, antes de chegar a Galicia para estudar a evolución do universo nos seus primeiros intres de existencia.