ACTUALIZACIÓN

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, ofrece un contrato a tempo completo vinculado ao programa TalentQ incluído dentro do proxecto Quantum Spain, e coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela. TalentQ procura potenciar a xeración e promoción do talento en computación cuántica a través de diversas actividades educativas.

OBXECTIVO DO CONTRATO

A persoa contratada asumirá responsabilidades de deseño, creación e mantemento da plataforma web do proxecto TalentQ, traballando en estreita colaboración co persoal do IGFAE e do CESGA.

FUNCIÓNS

  • Deseño e construción da páxina web de TalentQ
  • Programación de funcionalidades educativas: ferramentas de e-learning, repositorios de cursos e vídeos educativos, contorna cliente-servidor para a execución remota de cadernos, etc.,
  • Mantemento da páxina, integración e coordinación coa contorna web de Quantum Spain

CARACTERÍSTICAS DO CONTRATO

Tipo de persoal: Técnicx especialista de investigación (III.1 USC)

Salario: 2.000 euros brutos

Duración do contrato: ata o 31 de Decembro de 2025

Dedicación e horario: tempo completo (35 horas semanais, de luns a venres).

Titulación requirida: Bacharelato, FP II, FP grao superior

Méritos que se valoran

    • Titulación de FP en Informática, Aplicacións Web ou áreas afíns
    • Experiencia laboral en deseño e creación de páxinas web
    • Experiencia laboral en aplicacións web educativas e elearning
    • Experiencia en deseño gráfico
    • Nivel intermedio de inglés
    • Entrevista persoal

SOLICITUDE

As solicitudes faranse a través da Sede Electrónica da USC. Cómpre identificarse a través dunha conta da USC, certificado electrónico, DNIe, Cl@ve e outras aplicacións externas como Facebook, Google ou Microsoft 365. Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse o Curriculum Vitae.

A convocatoria pode consultarse no portal de Contratos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Inicio de presentación solicitudes: martes, 3 de outubro de 2023.

Fin de prazo para enviar solicitudes: venres, 13 de outubro de 2023 ata as 23:59 horas.

Para consultas e máis información, pode enviarse un correo electrónico a jobs@igfae.usc.es, indicando no asunto [REFERENCIA DA PRAZA: 2022-CP118.01]

O IGFAE é unha institución que ofrece igualdade de oportunidades e comprométese a aumentar a diversidade do seu persoal, polo que acolle con especial satisfacción as solicitudes de mulleres, minorías e persoas con discapacidade. O IGFAE dispón dun Plan de Igualdade e Diversidade e traballa activamente para aumentar o equilibrio de xénero, xeográfico e de minorías dentro do instituto. Ofrecemos un horario flexible para conciliar a vida laboral e familiar.

O IGFAE

O IGFAE é un instituto que forma parte da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS) e foi acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu polo Ministerio de Ciencia durante 2017-2021.

A investigación científica do Instituto organízase arredor de tres áreas que constitúen a base da planificación estratéxica: O Modelo Estándar ata os Límites, Partículas Cósmicas e Física Fundamental, e Física Nuclear desde o Laboratorio para mellorar a saúde das persoas. Recentemente creouse unha liña transversal para debater a estratexia de novas oportunidades no campo das instalacións internacionais. Ademais, a actividade do IGFAE divídese nunha sección experimental e outra teórica. Acolle a máis de 140 persoas que participan en instalacións experimentais como o CERN, LIGO, GSI/FAIR e o Observatorio Pierre Auger.

O IGFAE ofrece unha contorna moi estimulante e oportunidades únicas de desenvolvemento da carreira profesional. Ofrecemos formación en soft skills para mellorar a empregabilidade futura e o éxito profesional dos nosos investigadores, incluíndo a transferencia de tecnoloxía, o espírito empresarial, a difusión e a perspectiva de equidade/diversidade.