ACTUALIZACIÓNS

07/03/2024 | Resolución da Xerencia

07/03/2024 | Proposta de selección

14/02/2024 | Listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas

07/02/2024 | Listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas

24/01/2024 | Convocatoria Pública Ordinaria 03/2024 de contratación de persoal para colaborar nas actividades e proxectos de investigación


O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, ten aberta unha convocatoria para seis contratos de iniciación á investigación.

DETALLES DOS CONTRATOS
  • Xornada a tempo parcial (50%): (17.5 horas por semana). De 9.00 a 12.30.
  • Salario bruto mensual 542,63 €
  • Categoría laboral Persoal investigador en iniciación
  • Duración do contrato:6 meses.
TRABALLO A DESENVOLVER

Obtención da práctica profesional investigadora en proxectos científicos sobre desenvolvementos teóricos e deseño, planificación e execución de experimentos relacionados coa Física de Altas Enerxías e a Física Nuclear, baixo a dirección dun/ha titor/a vinculado/a ao IGFAE, co obxectivo de poder acadar unha formación avanzada orientada á continuación da carreira científica coa realización dunha tese de doutoramento.

FUNCIÓNS

Análise do avance de coñecementos científicos relacionados coas áreas estratéxicas do IGFAE, desenvolvemento de novas solucións metodolóxicas, análise de novas tecnoloxías, presentación, discusión e publicación de resultados de traballos de investigación.

TITULACIÓN REQUIRIDA

Grao en disciplinas afíns á Física Nuclear e de Altas Enerxías Ademais, as persoas solicitantes deberán:

  • Ter finalizados os estudos dentro dos tres anos previos á data de inicio do contrato, ou cinco anos no caso de persoas con discapacidade
  • Non ter experiencia profesional na USC no ámbito da investigación por tempo superior a 3 meses.
MÉRITOS QUE SE VALORARÁN (Puntos)
  • Nota media do grao en disciplinas afíns á Física Nuclear e de Altas Enerxías. Para a valoración deste ítem terase en conta a nota media do expediente académico de grao da persoa solicitant, ponderado en cada caso cos expedientes da correspondente titulación. Esta ponderación realizarase tendo en conta os criterios de ponderación utilizados na convocatoria FPU (primeira fase anexo I). (30 puntos)
  • Estar matriculadx no Mestrado Universitario en Física da Universidade de Santiago de Compostela no curso académico 2023-2024 (10 puntos)
  • Ter asignado un traballo fin de máster no IGFAE ou compromiso asinado de que o realizará baixo a supervisión de persoal investigador adscrito ao IGFAE (25 puntos)
  • Currículum vitae que inclúa, de ser o caso, formación específica nos ámbitos temáticos do IGFAE, acreditable a través de cursos, traballo de fin de grao, prácticas académicas, publicacións científicas en revistas indexadas Journal Citation Reports (JCR) e/ou SCImago Journal Rank (SJR) ou contribucións presentadas en eventos científicos (comunicación de tipo oral/flash ou póster). (10 puntos)
  • Entrevista persoal. A entrevista realizarase unicamente ás persoas candidatas que na suma do resto dos méritos acaden un mínimo de 50 puntos. (25 puntos)
SOLICITUDES

As solicitudes faranse a través da Sede Electrónica da USC. Cómpre identificarse a través dunha conta da USC, certificado electrónico, DNIe, Cl@ve e outras aplicacións externas como Facebook, Google ou Microsoft 365. Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse o Curriculum Vitae.

A convocatoria pode consultarse no portal de Contratos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (Convocatoria Pública Ordinaria 03/2024), referencia da praza 2023-AD055.00. 

Fin de prazo para enviar solicitudes: xoves, 1 de febreiro de 2024, ata as 23:59 horas.

Para consultas e máis información, pode enviarse un correo electrónico a jobs@igfae.usc.es, indicando no asunto [REFERENCIA DA PRAZA: 2023-AD055.00]

O IGFAE é unha institución que ofrece igualdade de oportunidades e comprométese a aumentar a diversidade do seu persoal, polo que acolle con especial satisfacción as solicitudes de mulleres, minorías e persoas con discapacidade. O IGFAE dispón dun Plan de Igualdade e Diversidade e traballa activamente para aumentar o equilibrio de xénero, xeográfico e de minorías dentro do instituto. Ofrecemos un horario flexible para conciliar a vida laboral e familiar.

O IGFAE

O IGFAE é un instituto que forma parte da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS) e foi acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu polo Ministerio de Ciencia durante 2017-2021.

A investigación científica do Instituto organízase arredor de tres áreas que constitúen a base da planificación estratéxica: O Modelo Estándar ata os Límites, Partículas Cósmicas e Física Fundamental, e Física Nuclear desde o Laboratorio para mellorar a saúde das persoas. Recentemente creouse unha liña transversal para debater a estratexia de novas oportunidades no campo das instalacións internacionais. Ademais, a actividade do IGFAE divídese nunha sección experimental e outra teórica. Acolle a máis de 140 persoas que participan en instalacións experimentais como o CERN, LIGO, GSI/FAIR e o Observatorio Pierre Auger.

O IGFAE ofrece unha contorna moi estimulante e oportunidades únicas de desenvolvemento da carreira profesional. Ofrecemos formación en soft skills para mellorar a empregabilidade futura e o éxito profesional dos nosos investigadores, incluíndo a transferencia de tecnoloxía, o espírito empresarial, a divulgación do coñecemento e a perspectiva de equidade/diversidade.