O investigador do Instituto Galego Física de Altas Enerxías (IGFAE) Wenyang Qian conta, desde estas semanas, co financiamento do programa Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA) para o seu traballo posdoutoral.

Wenyang é orixinario de Nanjing, unha cidade do leste da China. Doutorouse en 2020 baixo a supervisión do profesor James Vary na Iowa State University (Estados Unidos). Posteriormente incorporouse ao IGFAE como investigador postdoutoral no proxecto YoctoLHC, financiado pola convocatoria Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación European Research Council (ERC), e liderado polo Prof. Carlos A. Salgado.

A investigación de Wenyang céntrase na comprensión das estruturas hadrónicas utilizando o formalismo hamiltoniano non-perturbativo de fronte de luz.

No marco do rápido desenvolvemento da informática cuántica, Wenyang estivo traballando na ampliación do formalismo hamiltoniano para resolver problemas de estados ligados e dependentes do tempo, utilizando dispositivos cuánticos.

En 2022, Wenyang Qian e os seus colegas desenvolveron un marco de simulación #cuántica para estudar os fenómenos de extinción de chorros en colisións relativistas de ións pesados, o que achega unha base para futuros estudos de física de chorros in-medium utilizando computadores cuánticos.

Coa obtención da MSCA poderá afondar na súa investigación sobre a simulación cuántica da evolución dos chorros. Grazas a este financiamento, pretende desenvolver un modelo informático cuántico completo que permita aos chorros multipartícula interactuar cun campo de fondo realista.

No tocante aos resultados da investigación, Wenyang espera producir un software de computación cuántica de código aberto que poida ser utilizado pola comunidade de física de altas enerxías. E tamén confía en que estes proxectos poidan botar nova luz na comprensión dos chorros en colisións relativistas de ións pesados, combinando a experiencia en física de chorros do IGFAE e o rápido desenvolvemento que está a experimentar a tecnoloxía de computación cuántica.