Universo peregrino: ciencia galega cara o mundo

“Universo peregrino: ciencia galega cara o mundo” é un ciclo de charlas divulgativas online organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela para a comunidade galegofalanteinternacional. En momentos de illamento no que os peregrinos non poden vir a Santiago, a cidade Xacobea é a que reconstrúe as pontes e emprende a peregrinaxe cara ao mundo. Todos os xoves de maio e xuño de 2020, ás 16:00 (hora de Madrid), o persoal investigador do IGFAE dará unha charla sobre distintos temas de física que poden seguirse online. Despois subiranse na canle de Youtube do IGFAE.

Cibrán Santamarina explícanos nesta primeira charla as orixes da materia e como se investigan no CERN partículas como o bosón de Higgs.

Ás veces, atopar a orixe das cousas máis pequenas nas que se pode pensar require descubrir como nacen e morren as estrelas. E os mecanismos que inventamos no laboratorio para entender os misterios dos núcleos atómicos serven para diagnosticar e curar enfermidades. Faremos unha breve revisión do mundo subatómico, lembrándonos que todos somos po de estrelas.

Os seres humanos somos de natureza curiosa e máis dunha vez plantexámonos as preguntas: Por que estamos eiquí? De onde vimos? De onde ven o mundo? De que está feito? Nesta charla  tratararemos de mostrar que temos xa algunhas respostas do universo asombrosamente complexo no que vivimos.

De onde vén todo isto que vemos ao noso redor? Fai un século esta pregunta quedaba fóra do dominio da física, mais os impresionantes avances científicos que se produciron nos últimos cen anos deron resposta a moitas preguntas referidas á orixe e evolución do Universo. Nesta charla faremos unha introdución aos logros máis salientables desta fascinante empresa intelectual e situará o papel que nela xogou Stephen Hawking.

A ciencia de ficción sempre se interesou polos quarks e os gluóns, pero sabiades que son moi reais? Estas partículas, os bloques fundamentais da forza forte, son imprescindibles para explicar a orixe do universo, por iso hoxe en dia é un tema moi en auxe na física.

Se o Universo tivese 24 horas, a materia que compón todo o que nos rodea formouse en tan só os 3 primeiros minutos. Dende os quarks, gluóns e leptóns, as partículas máis elementais e únicas, ata a enorme diversidade das galaxias e cúmulos de galáxias, hai unha viaxe evolutiva de 13.800 millóns anos. Nesta charla abriremos unha xanela ao ceo para escrutar a natureza máis íntima da materia.

Catro interaccións fundamentais son capaces de gobernar dende os obxectos máis grandes ata os máis pequenos do universo. A interacción gravitatoria foi a primeira en chamar a atención dos grandes pensadores da antigüidade, quen xa levantaban a cabeza e tentaban explicar os intrincados movementos dos astros. Nesta terceira charla do ciclo veremos que quedan moitas preguntas por responder.

Nos últimos anos o CERN, o laboratorio de física de partículas máis importante do mundo, tense convertido en protagonista de moitas novas, sobre todo, relacionadas co Gran Colisor de Hadróns (LHC), o maior acelerador de partículas da historia. Explicaremos a relevancia do laboratorio, para así entender como a detección de partículas minúsculas require máquinas tan grandes e poderosas.

Vídeos