O Instituto Galego de Física de altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago (USC), pon a dispor da sociedade todos os seus recursos humanos e técnicos para facer fronte á pandemia provocada polo coronavirus. Aínda que as nosas actividades principais están lonxe das aplicacións médicas en contaxios por virus, varias iniciativas tentan buscar solucións de emerxencia que poidan ser de utilidade na área sanitaria ou de simulación.

Impresión 3D de pantallas de protección

Desde a semana pasada, as dúas impresoras 3D do centro están a producir pantallas de protección para o persoal sanitario que están a ser entregadas e distribuídas a través do CiTIUS, o centro coordinador e promotor xunto á Xerencia e os Vicerreitorados da USC. Así mesmo, esta semana comezouse a optimizar o proceso de fabricación dun novo modelo de máscaras validado polo Ministerio de Sanidade.

Intelixencia artificial para calcular a demanda de servizos médicos

Por outra banda, un equipo do IGFAE propuxo un proxecto de investigación na convocatoria publicada polo Instituto de Saúde Carlos III para desenvolver novas ferramentas preventivas, diagnósticas e terapéuticas en torno ao SARS- CoV-2 e a CoVid19. O proxecto pretende determinar o número de persoas que requirirán coidados médicos especializados debido a dous brotes simultáneos de coronavirus e gripe estacional. Para iso, desenvolveranse modelos matemáticos e un sistema de machine learning baseado en redes neuronais recorrentes (LSTM, polas súas siglas en inglés), capaz de analizar datos de forma masiva para calcular a demanda de servizos médicos. Teranse en conta diversas variables demográficas para considerar os casos particulares sobre sectores vulnerables, así como posibles efectos de corentenas e distanciamento social. O obxectivo desta proposta é paliar as deficiencias do modelo SIR, unha das ferramentas cumpridamente utilizadas para modelar a propagación de enfermidades. De ser aceptado, o proxecto contará coa colaboración da empresa tecnolóxica  Innovalabs.

Desenvolvemento do software para o controlador dun respirador comercial

Finalmente, un grupo de investigadores do IGFAE está iniciando o deseño e a construción dun prototipo de respirador que funcione nos modos de “Volume Controlado con Regulación da Presión (VCRP) e Ventilación Proporcional Asistida” (VPA). Esta actividade realízase no marco dunha colaboración internacional co CERN e outras universidades e centros europeos. Preténdese fabricar respiradores na nosa contorna con compoñentes comerciais facilmente dispoñibles dadas as circunstancias actuais e que contribúan como material de emerxencia en caso de necesidade.