A matemática e divulgadora científica participará o xoves 25 de febreiro no sétimo diálogo do ciclo virtual organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Será moderado polo investigador do IGFAE e profesor da USC José Edelstein ás 20:00 horas e poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube do IGFAE.
Tras a mesa redonda organizada o 11 de febreiro polos Centros Singulares da USC con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o IGFAE celebrará un novo dialogo de “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” cunha investigadora recoñecida e premiada nacionalmente polo seu labor para visibilizar a mulleres científicas e divulgar as matemáticas: Marta Macho Stadler. Doutora en matemáticas e profesora da Universidade do País Vasco- Euskal Herriko Unibertsitatea (UPV/EHU), é editora do blogue Mujeres con ciencia da Cátedra de Cultura Científica desta mesma universidade e responsable das seccións de Literatura e Matemáticas e de Teatro e Matemáticas no Portal DivulgaMAT da Real Sociedade Matemática Española. Das súas inquietudes por estas materias charlará co investigador e físico teórico do IGFAE José Edelstein o vindeiro xoves, 25 de febrero, ás 20:00 (hora peninsular) nun encontro virtual que poderá seguirse en directo na canle de Youtube do IGFAE.
Marta Macho Stadler (Bilbao, 1962) é especialista en topoloxía, rama das matemáticas adicada ao estudo daquelas propiedades dos corpos xeométricos que permanecen inalteradas por transformacións continuas. Interesada na divulgación da ciencia, participa desde hai anos en diversas actividades en universidades, institucións científicas, centros culturais ou de ensino. Colabora tamén en distintos medios de comunicación, como o programa La mecánica del caracol en Radio Euskadi, The Conversation ou a Rede de Científicas Comunicadoras de El Periódico en colaboración coa Fundación Esteve.
Entre os seus recoñecementos, en 2015 recibiu o Premio igUAldad da Universidad de Alicante ‘polas súas actuacións en defensa da igualdade entre mulleres e homes e, en particular, polas súas accións de carácter docente e divulgativo a favor da visibilización da achega das mulleres científicas non só na Academia, senón tamén no progreso social’ e unha das Medallas da Real Sociedade Matemática Española na súa primeira edición, ‘polo seu labor de divulgación das matemáticas, polo seu compromiso coa igualdade e por tender pontes entre os profesores de matemáticas de diferentes niveis educativos’. En 2016 concedéuselle o Premio Emakunde ‘pola súa traxectoria científica orientada a divulgar e promover o achegamento da matemática e do coñecemento científico ás mulleres, así como por facer visible e reivindicar ás mulleres científicas e as súas achegas tanto á Academia como ao progreso social.’ E en 2019 recibiu o nomeamento de Ilustre de Bilbao ‘polo seu labor como divulgadora científica e por visibilizar o papel das mulleres na ciencia’.
Arte, ciencia e sociedade
Organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que convidamos a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinar. O obxectivo é tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.
Máis información:
- ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ con José Ignacio Latorre e Javier Mas
- ‘Transfronteirizas, conversas de arte e Ciencia’ con Alejandro Dolina e José Edelstein
- ‘Transfronteirizas, conversas de arte e Ciencia’ con Javier Ruibal e José Edelstein
- ‘Transfronteirizas, conversas de arte e Ciencia’ con Ricardo Gurriarán e Cibrán Santamarina
- ‘Transfronteirizas, conversas de arte e Ciencia’ con José ‘Pepe’ Gordon e José Edelstein
- ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ con Rosa Montero e José Edelstein
Máis actividades do programa ArtLAB:
Esta actividad foi confinanciada con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.