A ciencia sae á rúa o 26 de setembro na quinta edición da G-Night

03.09.2025
Un experimento liderado por persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), realizado nas instalacións de GANIL (Grand Accélérateur National d’Ions Lourds), situado en Caen (Francia), e publicado na revista Physics Letters B, conseguiu achegar novos datos sobre o 22C, un núcleo exótico que representa o isótopo máis pesado do carbono. A análise, realizada por Juan Lois Fuentes, estudante de doutoramento egresado do IGFAE, foi supervisada por Beatriz Fernández Domínguez, e contou tamén coa participación de Manuel Caamaño Fresco, ambos investigadores do IGFAE e profesores da Facultade de Física da USC. O traballo liderado polo IGFAE, no que tamén participaron o LPC de Caen (Francia), a Universidade de Surrey (Reino Unido) e persoal de GANIL, foi destacado recentemente no boletín informativo de GANIL, “o que supón un importante recoñecemento da relevancia científica do proxecto”, salientan o equipo galego.
Tal e como explican, “os núcleos exóticos, como o 22C, actúan como ‘laboratorios de extremos’, revelando como se comporta a materia en condicións que non se poden reproducir na Terra”. Isto permite estudar as forzas que unen os núcleos atómicos e descubrir como se forman os elementos do noso universo. Con todo, a exploración directa do 22C mediante reaccións de transferencia dun só neutrón segue estando fóra do alcance das instalacións actuais.Pero si é posible mellorar o coñecemento deste isótopo mediante o estudo da evolución da estrutura da capa nuclear en isótopos máis lixeiros, como o 17C. Deste xeito, perfecciónanse os modelos nucleares e afóndase na nosa comprensión de por que algúns núcleos exóticos permanecen unidos, desenvolven halos ou desaparecen por completo.
Neste traballo en concreto, investigouse a capa N=16 nos isótopos de carbono mediante o exame da estrutura do ¹⁷C, un curmán máis lixeiro do ²²C. Utilizando o espectrómetro LISE de GANIL, o equipo produciu estados excitados do ¹⁷C mediante a reacción de transferencia de neutróns (d,p), cun branco de deuterio. A análise realizada por Juan Lois Fuentes revelou que a capa enerxética N=16 persiste mesmo en condicións de desequilibrio extremo entre neutróns e protóns, o que desafía as predicións teóricas actuais. O seguinte paso é investigar o 22C utilizando novos dispositivos experimentais e teorías perfeccionadas. Os estudos futuros con instrumentos de vangarda como os brancos activos, guiarán a investigación nas instalacións de próxima xeración de todo o mundo e achegarannos á comprensión dos límites fundamentais da materia.