João Barata, egresado do Instituto Superior Técnico de Lisboa, recibiu recentemente unha das competitivas bolsas de doutoramento da Fundación “La Caixa”, coa que se atopa desenvolvendo as súa tese no IGFAE. Este programa, destinado a incluír a novos talentos de todo o mundo en universidades e centros de investigación españois, permitiralle estudar o comportamento da materia nos primeiros instantes do universo.
Só 57 mozos de varios países foron seleccionados pola Fundación “La Caixa” para recibir unha das prestixiosas bolsas de 120.000 euros do programa de doutoramento INPhINIT; un deles, o ex alumno do Instituto Superior Técnico João Barata, quen recalou no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) en xaneiro de 2019 para seguir perseguindo o seu soño: comprender o estado da materia nos primeiros instantes do universo.
“Hoxe sabemos que nese momento a materia compórtase como un líquido; é coma una sopa primordial da que xurdiu todo. Para replicar as condicións do universo nese momento, na Terra usamos aceleradores que chocan partículas a enerxías extremas”, explica João. “Na miña tese, estudamos o comportamento de partículas moi enerxéticas que se propagan dentro deste líquido e a súa interacción”. Este método ofrece unha xanela moi interesante para tratar de extraer as propiedades fundamentais da sopa primordial, ademais de ser un tema fascinante porque non só permite coñecer o universo xusto despois do Big Bang, senón tamén porque abre a porta a unha física diferente á que coñecemos na actualidade.
João Barata chegou ao Instituto Superior Técnico de Lisboa (Portugal) en 2014, e durante o segundo curso do Máster en Enxeñería Física e Tecnolóxica (MEFT) xurdiu o seu interese pola área na que traballa, grazas a unha estancia no CERN coa que entrou en contacto co experimento CMS. Despois emprendeu un proxecto de verán na Universidade de Oxford dentro do seu campo de estudo, e completou a súa formación en Física Teórica no Imperial College de Londres. O próximo ano, este mozo investigador pasará nove meses no Laboratorio Nacional Brookhaven, en Long Island (EE. UU), financiado pola Comisión Fulbright. “É unha gran oportunidade poder visitar este centro de investigación, non só porque ten un dos grupos máis importantes de Física Nuclear e de Partículas no mundo, senón tamén porque está estreitamente relacionado cos principais proxectos experimentais futuros na área”, conclúe.
Noticia do Instituto Superior Técnico: https:// tecnico. ulisboa. pt/ pt/noticias/campus-e- comunidade/ jovem-talento- do- tecnico-conquista-bolsa-de- doutoramento-dá- fundacao-a- caixa/