A Asociación de Diseñadores Gráficos y Directores de Arte do FAD, ADG-FAD, celebrou o 8 de xuño en Barcelona a gala de entrega dos Premios Laus 2023, un dos galardóns nacionais de referencia no sector. Nesta edición, a web dos IGFAE Labs, deseñada polo estudo Novagarda, recibiu un dos Laus de Bronce na categoría de “Website non transaccional”.

Segundo explica o equipo de Novagarda, formado por Iago Barreiro e Alberto Carballido, a proposta baseouse nunha “gráfica e web cun toque experimental, destacando sobre todo as tres áreas nas que se desenvolven as actividades”, e “dando protagonismo á imaxe e utilizando gráficos brutalistas”.

Deste xeito, engaden, alcanzouse “unha solución sintética e moderna” a través de interaccións realizadas a medida “para controlar o seu comportamento en cada dispositivo e economizar todo o código prescindible”.

Sobre IGFAE Labs

Os Labs do IGFAE son uns espazos de creados co obxectivo de dirixir e estruturar o traballo do IGFAE cara a unha investigación e unha innovación máis responsable (RRI, Responsible Research & Innovation) coa sociedade e a súa contorna máis inmediata.

Esta estratexia de compromiso industrial e social divide as súas actividades en tres laboratorios, que serven como espazos para discutir novas iniciativas con actores externos e colaboradores do IGFAE segundo tres áreas temáticas: ArtLab, EduLab e Tech Lab.