A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela convoca, como cada ano, as bolsas de verán para desenvolver prácticas formativas extracurriculares. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, ofrece 10 bolsas, financiadas mediante o Convenio de Colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a USC para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i.

A convocatoria fomenta que o alumnado participante poida iniciarse na investigación no marco dos proxectos de científicos que se desenvolven no IGFAE. Estes son os requisitos:

✅As bolsas están dirixidas a alumnado de grao universitario. As persoas solicitantes deberán estar cursando un dos dous últimos anos da titulación e ter superado, canto menos, o 55% dos créditos, e unha nota media igual ou superior a 8 sobre 10. 8 das 10 bolsas resérvanse para alumnado de Física, Matemáticas, ou o dobre grao de Matemáticas e Física, ou graos equivalentes.

📅 As prácticas desenvolveranse durante un mes, preferentemente do 1 ao 31 de xullo de 2023. O alumnado interesado integrarase no traballo dalgunha das tres áreas estratéxicas de investigación do IGFAE.

💶 🛌 A bolsa ten unha contía de 750 € brutos, e inclúe aloxamento nun cuarto individual nunha residencia da USC.

🚍 Ofrécense axudas de desprazamento para as persoas que residan fóra de Santiago de Compostela: ata 80 € para alumnado de Galicia; ata 500 € para alumnado de fóra de Galicia; e ata 1500 € para alumnado doutros países.

🗓️O prazo finaliza o 8 de xuño de 2023 ás 23.59 (Ligazón ao formulario de solicitude).

Pode accederse a máis información na Sede electrónica da USC.