Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

11.09.2026

Convócase a segunda Residencia ArtLab IGFAE, dirixida a proxectos que conecten arte e física

A Xunta de Galicia e a USC veñen de lanzar a segunda edición das Residencias ArtLab IGFAE para impulsar propostas artísticas que exploren novas maneiras de achegar á sociedade a investigación punteira en física. O prazo de candidaturas estará aberto ata o 1 de febreiro de 2027 e poderán presentarse á convocatoria artistas ou colectivos de calquera disciplina vinculados co contexto artístico galego.

A residencia desenvolverase de maneira combinada entre as instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, no Campus Vida da USC, e a Cidade da Cultura de Galicia, no período comprendido entre o 22 de marzo e o 30 de maio de 2027. A estadía no IGFAE poderá ser de entre tres e oito semanas, mentres os espazos de residencia no Gaiás poderán ser utilizados por un tempo de entre unha e tres semanas.

O proxecto seleccionado beneficiarase, ademais, dunha achega de 8.000 euros para o seu desenvolvemento, aloxamento gratuíto e asesoramento científico e artístico. A peza rematada presentarase nunha exposición no Gaiás a finais de 2027. A reedición desta iniciativa é unha aposta conxunta do IGFAE, dirixido por Carlos Salgado, e da Fundación Cidade da Cultura, que dirixe Ana Isabel Vázquez.

A estadía no IGFAE, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, permitirá achegarse ás áreas de investigación desenvolvidas no centro, os seus obxectivos, os métodos empregados e enfoques experimentais, ao tempo de pór en diálogo estas experiencias coa realización da obra artística. No Gaiás, a proposta contará cos espazos, equipamentos, recursos técnicos e humanos necesarios para materializarse.

Máis información e bases da convocatoria

Arte e ciencia para comprender o mundo

Entender os elementos fundamentais da materia e dos primeiros instantes do Universo, a astrofísica, a teoría de cordas, a física nuclear, os raios cósmicos, os neutrinos, as ondas gravitacionais, o desenvolvemento de detectores e aceleradores de partículas ou os avances en ciencia e tecnoloxía cuánticas,  son algunhas das áreas de investigación que poderán servir de inspiración ás propostas creativas das Residencias ArtLab IGFAE.

O formato do proxecto a realizar é totalmente aberto, (artes plásticas, fotografía, artes de acción, arte sonora, artes dixitais ou arte participativa, entre outras) e poderá ser unha obra de arte totalmente nova ou ampliación dun traballo en curso.

Na primeira edición das Residencias ArtLab IGFAE resultou seleccionado o proxecto Outro e sobre si, do compostelán Andrés Rivas Rodís. A través da pintura, o artista explorou o concepto da superposición na teoría e computación cuánticas. O seu traballo presentarase ao público o vindeiro mes de outubro nunha exposición no Museo Centro Gaiás.

O ArtLab é un espazo do IGFAE orientado ao diálogo entre arte e ciencia que persegue impulsar a reflexión, o uso da imaxinación e o pensamento creativo. Nos últimos anos, xurdiron ao seu abeiro proxectos como Cosmoloxías (con Irene Dubrovsky, Pazo de Fonseca, 2019), Instrumentos de visión (con Armin Linke, Mónica Bello, Arts at CERN, Igrexa da Universidade, 2024) ou ciclos como Transfronteirizas (en marcha desde 2020). Este espazo forma parte da aposta do Instituto por unha investigación e innovación responsables coa sociedade, ao abeiro das acreditacións de excelencia María de Maeztu acadadas nos anos 2017 e 2023. O IGFAE forma tamén parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.