Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

18.03.2025

O investigador do IGFAE Anxo Fariña Biasi recibe a bolsa posdoutoral ‘Junior Leader’ da Fundación “la Caixa”

O investigador Anxo Fariña Biasi participou este martes en Barcelona na cerimonia de entrega das bolsas da Fundación “la Caixa”, correspondentes á convocatoria do ano 2024. Anxo desenvolverá durante os próximos anos a súa carreira no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, como un dos beneficiarios das bolsas posdoutorais Junior Leader. O proxecto de Anxo no IGFAE é o único financiado en Galicia nesta convocatoria.

Anxo é físico teórico, e leva a cabo o seu traballo na interface entre as matemáticas e a física. Despois de doutorarse no IGFAE, realizou unha estadía posdoutoral na Universidade Jagiellonian de Cracovia (Polonia). Posteriormente, obtivo unha bolsa da Cátedra de Investigación Junior na École Normale Supérieure – PSL de París (Francia), antes de regresar ao IGFAE grazas á convocatoria Junior Leader.

Desta maneira, durante os próximos anos, Anxo continuará desde o IGFAE coa súa investigación, que “busca desenvolver unha teoría que nos permita comprender mellor os fenómenos de ondas, procesos de transporte de enerxía que ocorren en todas partes: no son, a luz, as ondas do mar, os terremotos e mesmo en eventos extremos como a colisión de buracos negros”. Desta maneira “entender o seu comportamento é crucial non só para predicir fenómenos naturais como os tsunamis, senón tamén para mellorar tecnoloxías de comunicación, como a telefonía móbil, e avanzar en técnicas médicas, como as de imaxe por ultrasón. A miña investigación ten como obxectivo achegar os alicerces teóricos necesarios para o desenvolvemento destas aplicacións prácticas”.

Segundo destaca, “os proxectos Junior Leader son altamente competitivos e xenerosos, polo que obter un foi todo un recoñecemento á miña carreira investigadora e á miña visión sobre como avanzar na física e as matemáticas”. Engade que estas convocatorias “danche ás, proporcionando os recursos e medios necesarios para que os mozos podamos desenvolver ideas de investigación ambiciosas e innovadoras. É unha gran motivación. Para min supuxo todo un cambio”.

Sobre o programa Junior Leader de “la Caixa”

A convocatoria Junior Leader está destinada á contratación de persoal investigador excelente de calquera nacionalidade, que desexe continuar a súa carreira en España ou Portugal en áreas das ciencias da saúde e da vida, a tecnoloxía, a física, a química, a enxeñería e as matemáticas.

Con estas bolsas preténdese fomentar a investigación de alta calidade e innovadora en España e Portugal e apoiar aos mellores talentos científicos, a quen se lles ofrece unha contorna atractiva e competitiva no que realizar unha investigación de excelencia.

Nos últimos anos, grazas ao programa Junior Leader, o IGFAE incorporou a varios investigadores que posteriormente puideron consolidar a súa traxectoria científica grazas a programas como o Ramón y Cajal. É o caso de Riccardo Borsato, Juan Calderón Bustillo e Aarón Alejo Alonso, que actualmente lideran cadansúa liña de traballo no centro. Desde a creación do programa, o IGFAE acadou catro das sete bolsas que chegaron a Galicia.