O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) organiza un ano máis esta xornada para achegar ao alumnado de bacharelato á carreira investigadora no eido da física e promover vocacións científicas entre rapaces e rapazas
A Masterclass “Física de Partículas coas mans” volve en formato presencial o vindeiro venres 4 de marzo ao Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela. Ata 70 estudantes poderán participar nesta xornada organizada polo IGFAE por oitavo ano consecutivo co obxectivo de dar a coñecer ao alumnado o día a día da investigación en física de partículas e espertar futuras vocacións científicas. As inscricións xa están abertas para dous estudantes de 2º de bacharelato por centro educativo no seguinte formulario ata as 23:59 do domingo 13 de febreiro. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada ata completar capacidade.
Na masterclass impartiranse unha serie de conferencias introductorias á Física de Partículas actual. Ademáis, farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN e, posteriormente, discutiranse os resultados ‒en inglés, a ter en conta na seleccións do alumnado‒ mediante videoconferencia co CERN e outros dos 13.000 estudantes de 60 países que realicen a xornada simultaneamente.
Na última edición, 75 estudantes ‒coa cifra recórd dun 47% de rapazas‒ participaron de forma online nesta xornada promovida polo Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG) e organizada en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN e Fermilab.
Máis información: http://igfae.usc.es/masterclass/