A aceleradora ViaGalicia seleccionou o proxecto REMA Neutron Scanners, startup impulsada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), como unha das iniciativas finalistas na súa sétima edición. A proposta baséase na optimización dos procesos de fabricación en diversos sectores grazas á radiografía con neutróns, cunha tecnoloxía patentada e desenvolvida nos laboratorios do IGFAE.

O recoñecemento desta liña de apoio para ideas innovadoras, que promoven o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, permitirá que REMA Neutron Scanners reciba 25.000 euros de financiamiento. Ademais, o persoal desta startup do IGFAE terá acceso a sesións de titorización, contacto con posibles inversores e co ecosistema de negocios para achegar a proposta ao mercado.

Ensaios destrutivos con maior precisión que os raios X

“Vemos o que os raios X non ven”, resumen Yassid Ayyad e Pablo Cabanelas, investigadores do IGFAE e socios fundadores de REMA Neutron Scanners. A radiografía por emisión e detección de neutróns ten unha capacidade de penetración moi superior á dos raios X, que na actualidade se usan nun 99% dos procesos industriais nos que o proxecto podería ter aplicación.

Esta tecnoloxía está especialmente indicada para materiais densos, como metais (materiais de gran relevancia para a industria 4.0), e permite caracterizar a composición química da mostraxe que se analiza. Debido a esta innovación, os clientes poderán descubrir defectos de fabricación e detalles na estrutura que non son quen de atopar con outros ensaios ou técnicas non invasivas.

Un sector en crecemento

Segundo Yassid Ayyad e Pablo Cabanelas, “os ensaios non destrutivos utilízanse nunha ampla gama de actividades industriais, e o seu mercado medra a unha taxa próxima ao 7% anual”. Ademais, REMA Neutron Scanners centrarase nos procesos de fabricación aditiva, coa impresión de pezas metálicas en 3D, que está a crecer un 20% anual.

Para facilitar os servizos aos clientes, a proposta de REMA ofrece radiografías por neutróns tanto en laboratorio como in-situ. Isto supón unha achega novidosa a sectores como a obra civil ou as infraestuturas fabrís (detectando posibles obstáculos ou calquera tipo de problema nas obras), a fundición (observando con antelación algún deterioro crítico nos materiais) ou a saúde (optimizando o deseño e a estrutura de próteses).

Constitución como spin-off da Universidade de Santiago de Compostela

Nas vindeiras semanas, REMA Neutron Scanners quedará constituida como spin-off da Universidade de Santiago de Compostela. Este fito contribuirá a achegar á sociedade as innovacións científicas xurdidas nos laboratorios do IGFAE.

Neste aspecto xoga un papel clave a Unidade de Transferencia de Coñecemento e Tecnoloxía do IGFAE. Esta sección pon ao dispor do persoal investigador os recursos precisos para conectar a ciencia que se desenvolve no centro coa industria, identificando potenciais resultados de investigación transferibles á sociedade.