A empresa Neutron Insights, impulsada ao abeiro da investigación desenvolvida no IGFAE, é unha das gañadoras na oitava edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off. O xurado outorgoulle o recoñecemento na categoría de Idea Emerxente, que premia as empresas ou iniciativas innovadoras desenvolvidas nos dous últimos anos, valorando que se trata “dunha iniciativa empresarial nun sector pouco habitual para a creación de spin-offs como é o da Física”.
Neutron Insights, constituída no ano 2023, está a dar os primeiros pasos para comercializar un dispositivo que supera as limitacións das radiografías convencionais para aplicar a tecnoloxía dos neutróns para detectar defectos de forma precisa en metais e estruturas. “Vemos o que os raios X non ven”, resume o seu equipo fundador, composto por Yassid Ayyad, investigador Ramón y Cajal na USC, e Pablo Cabanelas, responsable de Coñecemento, Transferencia e Innovación do IGFAE.
Nas outras categorías do certame (Selo de Calidade e Grupo de Investigación) resultaron gañadoras, respectivamente, a empresa Alén Space, nacida na UVigo, con máis de 15 anos de traxectoria no campo da enxeñería aeroespacial, e o grupo BioFarma, do CiMUS da USC, con case dúas décadas de traballo na investigación de novos fármacos.
O xurado que outorgou os galardóns estivo composto nesta edición pola investigadora da Universidade de Caen Alicia Bruzos; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; polo director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; polo presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, Luciano Fariña, e polo director de GCiencia, Pablo López.
Os galardóns serán entregados o 12 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago. O acto contará coa presenza de distintas autoridades e representantes de institucións galegas e do mundo empresarial e académico. Os galardóns contan con patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta, de Unirisco e da empresa Gadis.
Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen dende o ano 2015 as empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos. Entre as empresas e grupos galardoados nos últimos anos atópanse Mestrelab, Hifas da Terra, o grupo SING da UVigo ou Laboratorio de Bases de Datos da UDC.
Sobre Neutron Insights
A base sobre o que se asenta o ‘know-how’ de Neutron Insights é a experiencia en instrumentación en física nuclear e de partículas e as súas aplicacións, desenvolvidas desde hai tempo no IGFAE. En concreto, a proposta da spin-off consiste no desenvolvemento dun sistema de tomografía industrial por emisión de neutróns, unha tecnoloxía que mellora as prestacións das habituais radiografías con raios X, ao aumentar a precisión das imaxes e ampliar as posibilidades de análise nas mostraxes.
Nace Neutron Insights, unha empresa spin-off da USC para “ver o que os raios X non poden ver”
Os defectos de fabricación non detectados supoñen, todos os anos, perdas multimillonarias na industria e na construción de infraestruturas en todo o mundo. Nestes procesos é habitual a revisión dos materiais a través de técnicas de radiografía, principalmente raios X, para anticiparse a futuros problemas. Porén, son sistemas con limitacións, xa que non poden penetrar en elementos pesados (aceiro, ferro, chumbo, ou formigón, por exemplo) e non permiten diferenciar os elementos químicos ou substancias presentes na estrutura analizada. Fronte a isto, a tomografía por emisión de neutróns supera estes obstáculos.
Así, foi posible idear un sistema axeitado para a detección de neutróns, que permite identificar as diferentes partículas, reconstruír o seu percorrido e discriminar a enerxía emitida. Por estes motivos, a tomografía por emisión de neutróns está especialmente indicada para materiais densos, como metais (de gran relevancia para a industria 4.0), e permite caracterizar a composición química da mostraxe que se analiza.