A VI Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) terá o seu colofón o mércores 15 de novembro ás 20.00 horas, (Auditorio Abanca, Rúa do Preguntoiro, 23), coa conferencia pública de Krishna Rajagopal, catedrático de Física Teórica do Massachussetts Institute of Technology (MIT). Rajagopal, discípulo do premio Nobel de Física 2004, Franz Wilczek, é un referente internacional no estudo da Cromodinámica Cuántica, a teoría que describe a interacción forte, unha das catro forzas fundamentais que rexen as relacións entre as partículas subatómicas.
O investigador impartirá a conferencia 50 anos da liberdade dos quarks: da sopa do Big Bang aos protóns e viceversa. Na súa intervención falará sobre a liberdade asintótica, a propiedade descuberta por Franz Wilczek, David Gross e David Politzer no ano 1973, que supuxo un dos fitos da física de partículas da segunda metade do século XX. Este avance foi unha contribución esencial para a aceptación da Cromodinámica Cuántica como a teoría que describe a forza nuclear e reforzar, así o Modelo Estándar como a teoría que describe o universo microscópico ao nivel máis fundamental da materia.
Krishna Rajagopal naceu en Múnic (Alemaña), aínda que a súa familia mudouse a Toronto (Canadá) cando era moi novo. Graduouse en Física na Queen’s University de Ontario, e doutorouse en Princeton en 1993 baixo a dirección do premio Nobel Franz Wilczek. Despois de varias estadías en institucións como Harvard e Caltech, incorporouse á Facultade de Física do Massachussetts Institute of Technology no ano 1997, da que foi decano entre 2015 e 2017. Desde o ano 2004 é membro da American Physical Society.
A súa investigación céntrase no estudo do comportamento dos quarks en condicións extraordinarias, combinando vertentes diversas da física, como a cosmoloxía, a astrofísica, a teoría de cordas, a física de partículas ou a nuclear.
Transfronteirizas, NerdNite, Proxecto MEDRA e concurso IGFAE C3
A celebración da VI Semana da Ciencia do IGFAE dará comezo o xoves 9 de novembro ás 20.00 horas cun novo encontro do ciclo ‘Transfronteirizas, conversas de Arte e Ciencia’. O investigador do IGFAE Jose Edelstein departirá con Alan Sokal, físico estadounidense coñecido polo célebre ‘Escándalo Sokal’; no ano 1996, ‘troleou’ a unha revista de estudos culturais, Social Text, poñendo de manifesto a ausencia do necesario proceso de revisión por pares que seguen as publicacións científicas. O encontro poderá seguirse a través da canle de YouTube do IGFAE.
O programa da Semana da Ciencia continuará o venres 10, coa presentación dos traballos que participaron na primeira edición do Proxecto MEDRA, promovido polo IGFAE. Alumnado de Bacharelato de varios centros educativos galegos realizou durante o curso 2022/2023 cadansúa experiencia investigadora en física de partículas, utilizando uns detectores portátiles desenvolvidos polo CERN. O acto servirá tamén para presentar a segunda edición de MEDRA, que se desenvolverá neste curso académico.
O luns 13 de novembro anunciaranse os traballos gañadores da VI Edición do Concurso de Comunicación Científica IGFAE C3, nas categorías de artigo divulgativo, vídeo divulgativo, fotografía e proxectos orixinais.
O martes 14, ás 20.30, A Nave de Vidán acollerá unha nova edición da NerdNite. Nesta ocasión, a sesión destas charlas divulgativas abordará o aniversario de dous fitos clave para comprender as interaccións fundamentais da natureza. Por unha banda, falarase dos 50 anos da proposta da liberdade asintótica (clave na comprensión da forza nuclear forte); e por outra, dos 40 anos do achado dos bosóns W e Z, partículas mediadoras da interacción nuclear feble, descubertos no CERN en 1983.