Persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, sumarase este venres 26 de xaneiro á terceira edición da xornada InnovAmes, que terá lugar no pavillón polideportivo do Milladoiro. O evento, aberto a público de todas as idades, achegará neste ano as principais claves e desafíos da Intelixencia Artificial. Neste marco, o IGFAE compartirá coas persoas asistentes algunhas das aplicacións da IA á Física de Altas Enerxías, unha liña de traballo na que o Instituto está a afondar nos últimos anos.
Innovames supón un punto de encontro para o tecido empresarial e académico do concello amesán e toda a contorna, co obxectivo de compartir coñecementos e fomentar a colaboración. Na xornada reúnense, por tanto empresas, centros educativos, de formación profesional e universidades, para fomentar nas xeracións máis novas o interese pola innovación.
Neutron Insights, proxecto MEDRA e cámara de néboa
O público asistente que se achegue ao stand do IGFAE poderá coñecer a transferencia de tecnoloxía e coñecemento que xorde da investigación desenvolvida nos seus laboratorios. A principal novidade será a presentación de Neutron Insights, unha spin-off creada en 2023 no seo do Instituto. A súa proposta innovadora consiste nun escáner industrial para ensaios non destructivos, o que permite “ver o que os raios X non ven”.
Outro dos atractivos será a posibilidade de experimentar co MiniPix, un detector de radiación portátil desenvolvido polo CERN, que o IGFAE está a utilizar no proxecto MEDRA, desenvolvido nunha decena de institutos galegos durante o presente curso. O persoal do Instituto ensinará á rapazada a como usar ferramentas de intelixencia artificial, como ChatGPT, para procesar e analizar os datos recollidos por este detector. Ademais, amosarase o funcionamento dunha cámara de néboa, un detector de partículas de baixo custo, fácil de construír, manter e transportar, co que é posible observar raios cósmicos.
Nace Neutron Insights, unha empresa spin-off da USC para “ver o que os raios X non poden ver”