Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

03.12.2025

Andrés Rivas Rodís acada a primeira edición das Residencias ArtLab IGFAE | Cidade da Cultura

Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é o artista seleccionado nas Residencias ArtLab IGFAE, impulsadas polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura. O seu proxecto Outro e sobre si desenvolverase desde comezos de 2026 nas instalacións do IGFAE e da Cidade da Cultura, e será exposto no Gaiás cara a finais do próximo ano.

A proposta de Rivas Rodís explorará o concepto da superposición, tema fundamental na teoría e computación cuántica, desde a perspectiva das artes visuais. A superposición describe a capacidade das partículas, como electróns ou fotóns, de posuír dous ou máis estados, o que implica que teñen, á vez, a probabilidade de estar en dous lugares ou moverse en dúas direccións opostas. Isto aplícase nos ordenadores cuánticos, que empregan como unidade de información o cúbit, un elemento que pode representar 0, 1 ou os dous estados á vez, permitindo realizar unha inxente cantidade de cálculos de maneira case instantánea.

A comisión de selección de proxectos, formada por representantes da Fundación Cidade da Cultura e o IGFAE, xunto a profesionais do eido da creación e investigación artística e expertos na colaboración entre arte e ciencia, elixiu por consenso este proxecto entre a trintena de iniciativas presentadas a esta primeira edición da residencia.

Desde comezos de 2026, o artista traballará nas instalacións do IGFAE, somerxéndose na práctica diaria nun centro de investigación, e contando con titoría e asesoramento científico e artístico. Posteriormente, completará a súa estadía na Cidade da Cultura, tirando proveito dos espazos, recursos técnicos e equipo humano do Gaiás para avanzar cara á presentación pública do seu traballo. Durante este tempo, beneficiarase, ademais, de aloxamento nunha residencia universitaria e recibirá unha achega de 8.000 euros.

Andrés Rivas Rodís

Graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València (2022) e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco (2024), Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo.

Nos últimos anos recibiu recoñecementos a nivel autonómico e nacional, como o XIV Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis (2025), Premio ao Mellor Artista Emerxente de SWAB (2025) ou a concesión da Cátedra Adegas Faustino & Willy Ramos con destino París  no ano 2022. Ademais, foi seleccionado en diversas residencias nacionais como as Residencias Artísticas Celestino Cuevas (Reinosa, 2025), onde desenvolveu o proxecto Contacto, contorno, ou na 11 Residencia de Creación e Investigación Artística (Museu da Universitat d´Alacant, 2025), co proxecto Ad’dad. El engaño de la ortiga. Tamén participou no Encontro de Artistas Novos EAN11 da Cidade da Cultura no ano 2021.

Expuxo a súa obra en galerías e espazos culturais do País Vasco, Valencia e Galicia, así como na mostra colectiva Territorio Contemporánea (Sala ABANCA, Santiago de Compostela, 2025). A súa obra está presente en coleccións públicas e privadas como a de Piramidón, Centre D´Art Contemporani de Barcelona, Colección Norte do Goberno de Cantabria, a Fundación Campocerrado, KELLS Art Collection, a Colección de Arte MANGO, Juntas Generales de Bizkaia e o Museu da Universitat d’Alacant.

Residencias ArtLab IGFAE

A primeira edición das Residencias ArtLab IGFAE naceu co obxectivo de tecer fíos entre a investigación en física de partículas e a creación contemporánea galega, e encádrase nas liñas de apoio á creación do programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).

No caso do IGFAE, a iniciativa das residencias intégrase na vontade de estruturar e dirixir o seu labor científico cara a unha investigación e unha innovación máis responsables (RRI, Responsible Research & Innovation) coa sociedade e a súa contorna máis inmediata.

Logo de que o IGFAE acadase por primeira vez a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, en 2017, puxéronse en marcha os IGFAE Labs, con tres liñas de actuación, no ámbito da educación (EduLab), a transferencia de tecnoloxía (TechLab) e as artes (ArtLab).

Este último é un lugar de diálogo entre arte e ciencia, no que o persoal investigador do IGFAE establece vínculos con colaboradores externos, propoñendo e desenvolvendo novas ideas e tendendo pontes entre a física e distintas expresións artísticas. Deste xeito, o ArtLab persegue impulsar a reflexión, o uso da imaxinación e o pensamento creativo.

Ao abeiro do ArtLab xurdiron proxectos expositivos como Cosmoloxías (con Irene Dubrovsky, Pazo de Fonseca, 2019) e Instrumentos de visión (con Armin Linke, Mónica Bello e Arts at CERN, Igrexa da Universidade, 2024) ou ciclos como Transfronteirizas (desde 2020).