O IGFAE celebra do 23 ao 27 de novembro de 2026 a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que se pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Os avances tecnolóxicos acadados nas últimas décadas están ofrecendo unha nova xanela para entender mellor a materia, desde os elementos fundamentais ata a exploración do universo afastado. Proxectos como o Future Circular Collider (FCC) do CERN, o Einstein Telescope, o observatorio espacial LISA para a detección de ondas gravitacionais, experimentos como Hyper-Kamiokande, DUNE ou IceCube para a detección de neutrinos -moitos deles contan coa presenza do IGFAE- están chamados a ampliar as fronteiras da física e do noso coñecemento na segunda metade do século XXI.
Conferencia de Michelangelo Mangano
O acto central da Semana da Ciencia (Casa das Máquinas, mércores 25 de novembro, ás 19:30 horas, entrada libre) será a conferencia de Michelangelo Mangano, físico teórico italiano que lidrou o Centro de Física do LHC no CERN, onde é científico titular desde 1995. O seu traballo céntrase na interpretación dos datos que ofrecen os experimentos do LHC. Mangano é un dos coordinadores do programa de física que explora o potencial do Future Circular Collider (FCC), o acelerador que se estuda construír nas vindeiras décadas para ampliar o noso coñecemento sobre o universo e os elementos fundamentais da materia.
Mangano ofrecerá a conferencia Colisións de partículas: a exploración do invisible, onde afondará sobre como os aceleradores de partículas axudan a comprender os mecanismos que rexen a natureza, desde os elementos fundamentais ata as máis grandes escalas do universo. Neste sentido, proxectos como o FCC poderían abrir unha nova xanela para seguir completando as pezas que nos faltan para entender todo o o que existe, como a materia ou a enerxía escura.
Michelangelo Mangano, orixinario de Pisa, obtivo o seu doutoramento na Scuola Normale Superiore desta cidade. Posteriormente, foi investigador no departamento de Física da universidade de Princeton (1984-1986), o grupo de teoría do laboratorio Fermilab de Chicago (1986-1988) e no Istituto Nazionale di Fisica Nucleare en Pisa, antes de incorporarse ao CERN. Entre 1988 e 2000, traballou no Collider Detector de Fermilab (CDF), onde formou parte do equipo que descubriu o quark top no ano 1995.
No ámbito da divulgación, Mangano creou no CERN en 1998 o programa High-School Teachers, que ofrece formación en física de partículas a docentes de instituto. A través da súa actividade divulgativa afonda na relación entre a física e as artes, achegándose á obra de artistas como Salvador Dalí para explicar como creatividade pode axudar a comunicar e comprender conceptos científicos e reflexionar sobre as nocións do visible e o invisible.
NerdNite e coloquio “Falemos de FísicAS”
O martes 24 (Bar Riquela, 20:30 horas) comezarán as actividades coa NerdNite centrada na Semana da Ciencia. Baixo o título “A física de 2050”, ofrecerase unha visión dos principais proxectos e retos que a disciplina afrontará nas vindeiras décadas. Néstor Armesto, catedrático de Física Teórica da USC e investigador do IGFAE, falará do futuro acelerador do CERN, o FCC, na charla O Fucking Crazy Collider (FCC): cando o tamaño importa; Carmina Pérez Bertolli, investigadora posdoutoral do IGFAE, abordará o porvir da astronomía de multimensaxeiro en Las voces del universo: ¿qué nos queda por descubrir?; mentres que Jaime Álvarez-Muñiz, tamén catedrático de Física Teórica da USC e investigador do IGFAE, fará un percorrido pola vinculación de Francis Halzen co Instituto na charla O noso anaquiño do Nobel de Física 2026.
O xoves 26, a Aula Magna da Facultade de Física acollerá o coloquio Falemos de FísicAS. Este encontro, que contará coa presenza de persoal investigador do IGFAE e a Facultade, está especialmente dirixido a alumnas do grao de Física, co fin de reflexionar e compartir experiencias sobre a fenda de xénero nesta disciplina e outras cuestións relacionadas.