Un ano máis, estudantes de 2º de bacharelato de toda Galicia terán a oportunidade de participar na Masterclass Internacional de Física de Partículas organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia.

A xornada, que terá lugar o xoves 6 de marzo, permitirá ao alumnado compartir unha xornada con persoal investigador do IGFAE e o CERN, traballando ademais con datos reais de experimentos realizados no Gran Colisionador de Hadróns (LHC) situado nas instalacións da Organización Europea para a Investigación Nuclear, baixo a fronteira entre Francia e Suíza.

A Masterclass consistirá nunha serie de conferencias sobre física de partículas, ademais dunha sesión práctica na que se usarán datos reais obtidos no experimento LHCb do CERN. O alumnado participante analizará os resultados deste traballo a través dunha videoconferencia con persoal do CERN, e con mozas e mozos de Italia, Lituania e Valencia, que participan na xornada de maneira simultánea. A xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).

Inscricións abertas ata o 28 de febreiro

Na xornada poderán participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro educativo. É posible inscribir tamén a máis persoas en reserva, que poderán ser admitidas dependendo da evolución dos rexistros. O número máximo de participantes é de 100 estudantes.

O profesorado acompañante pode asistir e participar na actividade, aínda que non é un requisito obrigatorio (deberá indicarse á hora de realizar a inscrición). O IGFAE farase cargo da manutención durante a xornada.

Para a participación na Masterclass considérase de especial relevancia o interese e afección pola ciencia, especialmente a física, polo que este factor deberase ter en conta á hora de inscribir o alumnado. Igualmente, é importante o coñecemento do inglés para poder seguir e participar na videoconferencia. En todo caso, a selección do alumnado queda á discrecionalidade do persoal docente.