As inscricións xa están abertas para alumnas de 1º de Bacharelato que desexen participar nun pequeno simulacro do que supón o día a día dunha física, ademais de adquirir coñecemento sobre a historia das mulleres na ciencia

Tras o parón en 2021 pola crise sanitaria, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) organiza a terceira edición da Masterclass de Física de Partículas dirixida ás alumnas de bacharelato o próximo venres 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A masterclass terá lugar na Facultade de Matemáticas e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e ten por obxectivo promover o acceso e participación plena e equitativa das rapazas no ámbito científico. Na última edición, 40 estudantes participaron nesta xornada promovida polo CERN e o Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas. As inscricións xa están abertas para dúas estudantes de 1º de Bacharelato de cada instituto no seguinte formulario ata as 23:59 do lunes 24 de xaneiro. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada ata completar capacidade.

Na masterclass impartiranse unha serie de conferencias introductorias á Física de Partículas actual. Ademáis, farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN e, posteriormente, discutiranse os resultados ‒en inglés, a ter en conta na seleccións das alumnas‒. mediante videoconferencia co CERN e outros centros europeos que realicen a xornada simultaneamente. Tamén farase unha pequena charla-coloquio de historias invisibilizadas de mulleres científicas, que supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras que estas tiveron (e teñen) que facer frente ó longo da carreira científica.

Os obxectivos da actividade son, por unha banda, acercar ás alumnas de bacharelato o traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así a labor científica levada a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas. Por outra banda, con esta xornada preténdese poñer de manifesto o feito de que moitas mulleres pertencentes a diferentes culturas, países, clase, etnia e condición fixeron grandes aportacións á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar.

Máis información: https://igfae.usc.es/masterclass_women_in_science/