A Universidade de Santiago de Compostela é unha das 14 novas institucións asinantes do proxecto Quantum Spain, un consorcio impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital (MINECO) a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Dixital (SEDIA). O obxectivo principal desta iniciativa, coordinada polo Centro de Supercomputación de Barcelona-Centro Nacional de Supercomputación (BSC-CNS), é a creación dun ecosistema de computación cuántica eficaz en España, que aproveite o impulso e talento do persoal investigador experto nesta tecnoloxía na contorna estatal.

Ao abeiro desta iniciativa, e baixo a coordinación do catedrático da Facultade de Física e investigador do IGFAE Javier Mas Solé, a USC desenvolverá o programa TalentQ, que inclúe unha plataforma de materiais técnicos, divulgativos e educacionais cara á formación e difusión do coñecemento en materia de computación cuántica. Este programa de formación de talento busca incrementar as capacidades de potenciais usuarias/os da computación cuántica e que todos os nodos da Rede Española de Supercomputación (RES) sexan capaces de atender os futuros destas tecnoloxías. Cara a este fin, a USC colaborará co resto de integrantes do consorcio na organización de eventos e actividades científicas e fomentará a actividade formativa tamén con entidades alleas ao convenio, a través do patrocinio de eventos e o financiamento de bolsas e premios.

Canda a USC, intégranse agora no proxecto a Universidade de Barcelona (UB), a Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), a Universidade Complutense de Madrid (UCM), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Universidade das Illas Baleares (UIB), a Universidade de Sevilla (US), a Universidade do País Vasco (UPV/EHU), a Universidade de Oviedo (UNIOVI), a Universidade de Navarra (TECNUN), a Universidade de Granada (UGR), o Centro Internacional de Física de Donosti (DIPC), o Instituto de Ciencias Fotónicas (ICFO) e a Universidade Politécnica de Valencia (UPV), institucións asinantes deste convenio cun orzamento total de 2.743.700 euros. A experiencia destas entidades sumarase á formada polos nodos da Rede Española de Supercomputación (RES), o que eleva a 27 o total de institucións participantes no proxecto.

“As entidades coas que asinamos o convenio representan os grupos de investigación máis destacados e pioneiros en computación cuántica en España. A súa incorporación é fundamental para o impulso dun ecosistema nacional de vangarda e o desenvolvemento dun sólido tecido científico e tecnolóxico ao que aspiramos en Quantum Spain”, afirma Alba Cervera, coordinadora de Quantum Spain.

Unha das tarefas fundamentais destas entidades será a creación de novos algoritmos cuánticos aplicables a problemas reais das empresas e entidades públicas usuarias. En concreto, o seu traballo focalizarase na hibridación entre a computación cuántica e a Intelixencia Artificial (IA), coa estudo do Quantum Machine Learning (área de traballo relativa á aprendizaxe automática cuántica) como un dos seus compoñentes principais.

Os algoritmos desenvolvidos serán postos a proba coas máquinas cuánticas adquiridas a través do proxecto, cuxa instalación e operación están a cargo do BSC-CNS. Entre as accións máis relevantes da rede, está a adquisición e instalación dun computador cuántico de acceso público.

Actividades de formación no mes de setembro

Ao abeiro do programa TalentQ, o IGFAE programa en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) un curso de formación do 25 ao 28 de setembro. Coordinado por Javier Mas Solé e impartido polo investigador do Instituto de Física Fundamental do CSIC Luca Tagliacozzo, o curso ‘Introdución ás redes de tensores’ afondará no potencial destas construcións matemáticas na simulación cuántica. A asistencia, presencial ou en liña, é gratuíta previa inscrición e confirmación da admisión. Pódese atopar información detallada do curso así como as vías para formalizar a inscrición na web do IGFAE.