El podcast “No es el fin del mundo” analiza en Santiago la dimensión geopolítica de la física de partículas
10.02.2025
Un ano máis, estudantes de 2º de bacharelato de toda Galicia terán a oportunidade de participar na Masterclass Internacional de Física de Partículas organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia.
A xornada, que terá lugar o xoves 6 de marzo, permitirá ao alumnado compartir unha xornada con persoal investigador do IGFAE e o CERN, traballando ademais con datos reais de experimentos realizados no Gran Colisionador de Hadróns (LHC) situado nas instalacións da Organización Europea para a Investigación Nuclear, baixo a fronteira entre Francia e Suíza.
A Masterclass consistirá nunha serie de conferencias sobre física de partículas, ademais dunha sesión práctica na que se usarán datos reais obtidos no experimento LHCb do CERN. O alumnado participante analizará os resultados deste traballo a través dunha videoconferencia con persoal do CERN, e con mozas e mozos de Italia, Lituania e Valencia, que participan na xornada de maneira simultánea. A xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).
Na xornada poderán participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro educativo. É posible inscribir tamén a máis persoas en reserva, que poderán ser admitidas dependendo da evolución dos rexistros. O número máximo de participantes é de 100 estudantes.
O profesorado acompañante pode asistir e participar na actividade, aínda que non é un requisito obrigatorio (deberá indicarse á hora de realizar a inscrición). O IGFAE farase cargo da manutención durante a xornada.
Para a participación na Masterclass considérase de especial relevancia o interese e afección pola ciencia, especialmente a física, polo que este factor deberase ter en conta á hora de inscribir o alumnado. Igualmente, é importante o coñecemento do inglés para poder seguir e participar na videoconferencia. En todo caso, a selección do alumnado queda á discrecionalidade do persoal docente.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), é un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle a arredor de 140 persoas que participan en instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO ou GSI/FAIR, entre outras.
O centro foi acreditado en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.