La geopolítica de la física de partículas: escucha en directo el episodio de “No es el fin del mundo”
12.02.2026
Co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a sede do IGFAE acolleu unha nova edición da Masterclass Internacional de Física de Partículas, unha iniciativa que pretende achegar ás estudantes de 1º de bacharelato de Galicia a investigación nesta disciplina. É unha iniciativa que pon énfase na persistente fenda de xénero en determinadas áreas da física, onde a porcentaxe femenina na investigación segue por baixo do 30%. Máis de 60 rapazas de 1º de bacharelato procedentes dunha trintena de centros das catro provincias, e acompañadas polas súas profesoras, participaron na actividade. Por primeira vez, a xornada desenvolveuse nas instalacións do IGFAE, logo da apertura da nova sede do centro, inaugurado en xuño de 2025.
Durante esta xornada, as alumnas puideron achegarse á vida cotiá dunha investigadora. O día comezou con dúas charlas introdutorias, co obxectivo de coñecer mellor as partículas fundamentais e as súas interaccións entre elas, así como o funcionamento dos detectores instalados en laboratorios como o CERN. A continuación desenvolveuse unha sesión práctica, na que se utilizaron datos reais do experimento CMS do CERN, co obxectivo de aprender a detectar eventos compatibles coa presenza de partículas como o bosón de Higgs.
A mañá finalizou cun xantar compartido nas instalacións do IGFAE, no que todas as asistentes puideron compartir impresións e experiencias. Na sesión da tarde, levouse a cabo unha conversa aberta entre as estudantes de doutoramento do IGFAE, organizadoras da actividade, e as alumnas, para coñecer máis en detalle como é a vida diaria dunha física. Logo dun coloquio sobre xénero e diversidade, a Masterclass pechouse cunha videoconferencia con investigadoras do CERN para discutir os resultados da práctica, na que tamén participaron estudantes de Brasil e Hungría.
Durante a actividade recibimos a visita dun equipo da Televisión de Galicia, que realizou unha reportaxe emitida no Telexornal Mediodía do propio 11 de febreiro.