O Colexio de Fonseca da USC acolle do 8 ao 10 de setembro este espectáculo do IGFAE inspirado nos mapas do cosmos e as distintas maneiras de cartografalo. As entradas para todas as funcións están xa agotadas
Inspirada nos mapas do cosmos e as distintas maneiras de cartografalo, a instalación audiovisual creada pola artista Irene Dubrovsky é a base sobre a que se asenta ‘O soño musical dos mapas celestes’, un espectáculo impulsado polo ArtLab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia. O espectáculo conta tamén con textos do investigador do IGFAE e profesor da USC José Edelstein, coa voz da cantante Uxía, a música de Germán Díaz e coa interpretación da actriz Celtia Figueiras, alén da iluminación de Octavio Más. Esta proposta de inmersión nas artes escénicas e audiovisuais que fusiona arte e ciencia, inaugurouse este martes no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca malia que as sesións abertas ao público desenvolveranse do 8 ao 10 de setembro, ás 19.00 e 20.30 (dúas funcións ao día). As entrada están xa esgotadas para todas as funcións.
“A disposición das estrelas no lenzo da noite ofrécese como unha linguaxe musical. Os puntos deveñen sucos ao habitar o tempo e o ceo convértese nunha partitura circular”, explican os creadores do espectáculo. Estes “retrincos musicais dos mapas celestes flotan na escena, habitando o espazo, mentres soan como cristais de tempo nos instrumentos mecánicos interpretados por Germán Díaz”, engaden. O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López, e contou coa presenza dos profesores da USC Carlos A. Salgado —director do IGFAE— e José Edelstein —autor dos textos do espectáculo—. Tamén asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.
Os puntos luminosos na noite escura son tamén un texto e o investigador do IGFAE José Edelstein, seguindo a tradición de Pitágoras e Kepler, explora “as secretas harmonías da música do cosmos nesa gran danza astronómica, narrándoas a través dalgunhas historias do Camiño de Santiago”. Ao longo dos séculos este foi transitado por cegos que levaban historias e romances na chamada literatura de cordel, á vez que adoitaban tocar a zanfona. “Durmían á beira do camiño, de fronte ao ceo, de fronte a un magnífico texto en braille. Todo nesa bóveda celeste é pasado. Fixar nela os ollos máis que ver é lembrar, volver pasar polo corazón. As cartografías do ceo son memorias do Camiño”, engade.Læila, unha muller interpretada por Celtia Figueiras, transita o Camiño ao longo dos séculos. En diálogo con personaxes do Camiño, reflexiona sobre a maneira na que habitamos o espazo e o tempo, “convertendo ao cosmos nun texto e ao territorio nun organismo vivo”, explican os creadores do espectáculo. A voz de Uxía evoca estes aspectos do cosmos e os ecos sonoros do Camiño de Santiago.
“Partituras que tamén son mapas, discos perforados que lembran textos en braille, instrumentos orixinais de música mecánica, palabras que evocan o andar de peregrinos, ecos do Camiño que se funden cos mapas do cosmos contemporáneo” son algúns dos elementos que conforman o espectáculo, segundo explican os seus creadores. “O Camiño de Santiago preséntase como un texto, reflexo doutro que habita o ceo: a Vía Láctea”, conclúen.
Este vídeo foi cofinanciado co cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.