Santiago de Compostela acolle, entre os días 18 e 22 de setembro, a 12ª edición do taller internacional CKM Unitarity Triangle, no que participarán decenas de expertas e expertos no campo do sabor dos quarks, isto é, nos atributos que distingue a cada un dos seis tipos destas partículas elementais.
O taller abordará cuestións tanto experimentais como teóricas arredor do neutrón, o kaón, o hadrón ‘charm’ e ‘beauty’, o quark ‘top’ e o Higgs que viola o sabor leptónico. O congreso, impulsado polo persoal do IGFAE, conta no comité organizador cos investigadores do centro Jeremy Dalseno, Diego Martínez Santos e Claire Prouvé. A cargo da coordinación do taller está Veronika Chobanova, investigadora da Universidade da Coruña que previamente desenvolveu a súa carreira no IGFAE.
Durante os catro días de reunión, a Hospedería San Martiño Pinario acollerá varias sesións plenarias e encontros dos sete grupos de traballo establecidos para o taller.
O triángulo de unitariedade CKM
A matriz CKM leva como iniciais os apelidos dos científicos que a introduciron: Nicola Cabibbo, Makoto Kobayashi e Toshihide Maskawa. Segundo o Modelo Estándar da Física de Partículas, a matriz CKM é unha matriz unitaria que contén a información sobre a probabilidade de mudanza no sabor dun quark causada pola intensidade da interacción feble. Desde unha perspectiva técnica, pode especificar a diferenza nos estados cuánticos dos quarks cando se propagan libremente e cando participan nas interacción febles.
Esta información é chave para entender a violación da simetría CP, un feito que pode explicar o desequilibrio entre materia e antimateria.
Máis información sobre o taller na páxina web do evento en Indico.