A sede Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia acolle este venres 29 de novembro un encontro no que se mesturarán a danza e a física. No marco do ciclo Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia o investigador do IGFAE Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas dialogarán acerca do proxecto Mundo Quark. Danza Cuántica, no que se exploran as interseccións entre ambas disciplinas. O encontro comezará ás 19.30 horas, e o acceso será libre e gratuíto.
Meses atrás, en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a comisión de festas do barrio de San Pedro, Paula Quintas e Héctor Álvarez comezaron a xestar un proxecto no que se hibridasen a danza contemporánea e a física de partículas. Partindo do Modelo Estándar, a proposta buscaba representar, a través do movemento corporal, as teorías cuánticas de campos que describen a natureza das partículas elementais e as interaccións entre elas. O proxecto frutificou nun obradoiro desenvolvido en xuño deste ano no CGAC, co gallo das festas do barrio de San Pedro, no que participaron arredor dunha vintena de persoas.
Paula Quintas (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Ten un mestrado en artes escénicas pola Universidad Rey Juan Carlos e investiga os límites e as confluencias das artes corporais, dentro do Programa de Doutoramento en creación e investigación na arte contemporánea, na Universidade de Vigo. O seu traballo destaca polo diálogo entre o corpo e o movemento, xerando un compoñente visual e experiencial a través de códigos contemporáneos.
Héctor Álvarez Pol (Ribas de Sil, Lugo, 1972) é profesor no Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do IGFAE, e move o seu corpo a ritmo de tango. Introducirá os asistentes nos elementos básicos e as interaccións fundamentais da física como ferramentas centrais na conversa coa danza contemporánea.
Sobre Transfronteirizas
O ciclo de diálogos Transfronteirizas, que xa suma máis dunha ducia de sesións, reúne a figuras do eido cultural para explorar as interseccións entre a arte e a ciencia xunto ao persoal investigador do IGFAE. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa ArtLAB, que pretende tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.
Nesta ocasión, a conversa pecha as celebración da sétima edición da Semana da Ciencia do IGFAE, un encontro anual no que, a través de diversas iniciativas, se achega á cidadanía o labor científico que se desenvolve nas áreas de investigación do Instituto.