Na súa sexta edición, o Concurso de Comunicación Científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE C3), fixo público este luns o nome das catro propostas gañadoras nas respectivas categorías do certame. Os traballos premiados, que recibirán 400 euros cada un, foron para pezas enviadas desde Galicia, Francia, México e Canadá. Ademais das propostas gañadoras, e dada a alta calidade das pezas presentadas, outorgáronse mencións de honra no apartado de fotografía e vídeos divulgativos.

Na categoría de artigo divulgativo, o premio, por unanimidade, recaeu no texto La eternidad por fin comienza un lunes, de Gustavo Arciniega, físico teórico na UNAM de México. O xurado valorou a capacidade de construír desde o título un relato orixinal e atractivo para o público, valéndose de numerosas referencias históricas e artísticas para divulgar a cosmoloxía, unha das principais liñas de traballo do IGFAE.

Na categoría de fotografía científica, o galardón, por unanimidade, foi para a imaxe Colores de la cuántica, de Paloma Calderón, graduada en Física pola USC e profesora de Física e Química no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, por amosar unha combinación acertada de elementos visuais que suxiren, á vez que interrogan, ao observador acerca da súa orixe física e a interrelación que gardan entre eles.

'Colores de la cuántica', de Paloma Calderón.

‘Colores de la cuántica’, de Paloma Calderón.

Alén disto, o xurado tamén valorou que a composición e a calidade fotográfica da imaxe gañadora son dun nivel moi alto, destacando que o fondo escuro e a ausencia de elementos auxiliares reducen o fenómeno fotografado aos seus ingredientes esenciais.

Nesta mesma categoría acordouse outorgar unha mención de honra á fotografía Arco da vella dobre, de Iago Manoel Souto, pola capacidade de captar, no instante decisivo, un fenómeno óptico non trivial, de grande interese e beleza.

Arco da vella dobre, de Iago Manuel Souto.

Arco da vella dobre, de Iago Manoel Souto.

En canto ao concurso de vídeos divulgativos, o xurado recoñeceu por unanimidade á peza Hidden Physics Icons Hall of Fame, de Candice Harris, estudante de mestrado en Neurociencias na Universidade de Carleton, en Ottawa (Canadá) ; unha proposta de salientable orixinalidade que empregou unha composición musical e unha letra de gran calidade para lembrar a referentes femininas da ciencia, incluíndo físicas relevantes nas áreas de investigación do IGFAE.

Decidiuse, igualmente, outorgar unha mención de honra aos traballos Más allá del Modelo Estándar, de José Luis Oltra, polo notable rigor e calidade técnica do traballo, e Partículas con velocidades imposibles: Que son os Raios Cósmicos?, de Mauro Garrido, por expoñer con gran capacidade didáctica un tema complexo e escasamente abordado.

Finalmente, na categoría de proxectos orixinais, o premio foi para Encuentros, de Anxo Biasi, investigador posdoutoral en física matemática na Ecole Normale Supérieure de París, pola súa creatividade, así como a capacidade de achegar ao público o fenómeno do burato negro a través dun uso imaxinativo da cor e das emocións,  cunha mensaxe que convida á reflexión.

'Encuentros', de Anxo Biasi.

‘Encuentros’, de Anxo Biasi.

As obras presentadas ao concurso, aberto a persoas de todo o mundo, debían gardar relación coa física, en especial coas áreas de investigación do IGFAE. O ditame tivo en conta, segundo as bases, o rigor e calidade das propostas, a orixinalidade e interese do tema e a capacidade para comunicar o contido a público non experto.

Aquí podes consultar as resolucións dos xurados das diversas categorías: