Dende o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) creemos que é esencial promover o acceso e participación plena e equitativa de todas as persoas na ciencia. Por este motivo, levamos cinco anos sumándonos cada 11 de febreiro ao “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia” proclamado por la Asemblea Xeral das Nacións Unidas.
O próximo venres 10 de febreiro celebraremos a IV Masterclass de física de partículas dirixida exclusivamente a alumnas de 1º bacharelato de institutos de Galicia. Impartiranse unha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual e farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN. Posteriormente, discutiranse os resultados mediante videoconferencia con este laboratorio e outros centros europeos que realizan a xornada simultaneamente.
Os obxectivos da xornada son, por unha banda, achegar a física ás alumnas a través das propias investigadoras do IGFAE, visibilizando o seu traballo e actuando como referentes femininos para as novas xeracións de científicas. Por outra banda, preténdese poñer de manifesto que moitas mulleres pertencentes a diferentes culturas, países, clases, etnias e condicións fixeron grandes aportacións á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar, pero non se coñecen. Polo que ao final farase unha pequena charla-coloquio sobre mulleres científicas ás veces esquecidas que supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras que estas tiveron (e teñen) que facer fronte ó longo da carreira científica.
O número de prazas está limitado a 40 e 2 alumnas de 1º de bacharelato por instituto. Consideramos que esta xornada se podería converter nun incentivo para decantarse por carreiras científicas, polo que pedimos que se teña en conta este criterio na súa selección. Ademais, dado que a discusión dos resultados será en inglés, esto tamén se debería ter en conta. O/A profesor/a acompañante das estudantes pode asistir e incluso participar activamente na masterclass, se así o desexa. Deberá indicalo no formulario de inscrición que estará aberto ata o 27 xaneiro ás 23:59 h. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada. O IGFAE farase cargo da manutención.
Sen ningunha dúbida, esta será unha experiencia inesquecible para as alumnas, onde terán a oportunidade de acercarse ó método científico mediante un pequeno simulacro do que supón a día a día dunha científica, ademais de adquirir coñecemento sobre a historia das mulleres na ciencia. Esta xornada nace como froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física (promotores da mesma) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).
Consulta toda a información na web: https://igfae.usc.es/masterclass_women_in_science/
Actividades do IGFAE anteriores polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia: